‘Sumo Valor’ continúa captando fondos para obter unha vacina contra a COVID-19
O proxecto de investigación liderado polo profesor da USC José Martínez Costas para desenvolver unha vacina contra a COVID-19 mediante micro/nano esferas de muNS-Mi, acaba de recibir unha achega de 20.000 euros por parte da empresa de vehículos especiais UROVESA. Este financiamento captouse a través da campaña de micromecenado ‘Sumo Valor’ e formalizouse este xoves a través do acto de sinatura do convenio de colaboración empresarial no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS). No acto procolario interviñeron o reitor Antonio López e o CEO de Urovesa, Justo Sierra Rey, xunto a quen tamén acudiron a presidenta do Consello Social, Cecilia Sierra; o director do CiQUS, José Luis Mascareñas; e o investigador principal do proxecto que se enmarca neste convenio, José Manuel Martínez Costas.
“Desenvolvemos e patentamos unha metodoloxía que permite programar células de calquera orixe para que constrúan micro (MS) ou nanoesferas (NS) proteicas e introduzan nelas calquera proteína de interese mediante o seu etiquetado cun tag denominado IC”, explica Martínez Costas. Estas MS funcionan como vacinas en ausencia de adxuvantes e as proteínas integradas préganse perfectamente, permitindo estruturas cuaternarias e incluso reaccións enzimáticas. “Neste proxecto pretendemos xerar microesferas que conteñan o dominio S1 da proteína S ou as proteínas M o N do SARS COV-2 e caracterizar nun modelo de rato a resposta inmune que inducen ao administrar por vía intranasal ou intramuscular”, continúa o investigador principal do proxecto. A metodoloxía está xa desenvolvida nos sistemas de expresión de baculovirus, células de mamífero e bacterias, e adaptarase ao sistema de levaduras para a súa implementación rápida en vacinas humanas. No transcurso do acto de sinatura, Martínez Costas manifestou o seu agradecemento pola “xenerosa financiación” recibida neste caso por parte dunha entidade privada, que dá impulso e “reforza o noso esforzo no desenvolvemento dunha vacina contra a COVID”.
Valor social
Justo Sierra de UROVESA deixou patente na súa intervención que “a investigación que se desenvolve na USC é un traballo de gran valor social”. Coa achega realizada, UROVESA quere contribuír á xeración de coñecemento a través de ferramentas cargadas con vocación de permanencia. “Máximo no momento actual no que avanzar no desenvolvemento dunha vacina ten tanta importancia pública ou social”, continuou. O contrato asinado coa USC para realizar esta doazón é unha decisión que se xustifica no seu valor social, dixo, na medida en que “mellora as posibilidades de superar a situación actual”.
O reitor, pola súa parte, subliñou que “o valor máis grande que temos é o coñecemento” e así se visibiliza con este tipo de proxectos. Facer investigación punteira como a que se vincula ao proxecto de Martínez Costas é relevante para mellorar as condicións de vida da sociedade. Conseguir que a iniciativa privada queira achegar o seu esforzo e apoiar esta liña de traballo é unha demostración do compromiso empresarial co desenvolvemento social e “unha manifestación que nos fai sentir arroupados no desenvolvemento da nosa misión”.
CiQUS
Alén do proxecto de Martínez Costas, o CiQUS mantén abertas outras liñas de investigación contra a COVID-19 como a liderada polo profesor Javier Montenegro, proxecto que prepara vectores peptídicos para o transporte de ARN mensaxeiro de potencial aplicación en vacinas. O director científico do centro, José Luís Mascareñas, quixo poñer o foco en que actualmente no centro hai cinco grupos implicados no desenvolvemento de antivirais ou vacinas contra a COVID-19. “A sinatura deste acordo é froito dunha longa traxectoria de traballo a prol da creación de coñecemento”, sinalou. Mascareñas reafirmou a defensa da investigación fundamental como base para desenvolvementos posteriores e agradeceu a xenerosidade de UROVESA que “representa un exemplo para outras entidades”. Concluíu afirmando que “sen coñecemento, tecnoloxía e talento non é posible progresar”.
Micromecenado
A USC puxo en marcha en novembro de 2019 o programa de micromecenado 'Sumo Valor' co obxecto de crear un espazo de encontro que implique a empresas, institucións e sociedade nas actividades, proxectos e servizos que desenvolve a Universidade. Esta iniciativa constitúe un “vínculo activo coa USC e un instrumento que reforza a nosa conexión coa sociedade”, explicou o reitor Antonio López. As doazóns poden formalizarse a través desta ligazón.