Ir o contido principal

'Sumo valor', peza chave para captar fondos contra a COVID-19

A USC puxo en marcha en novembro de 2019 o programa de micromecenado 'Sumo Valor'. FOTO: Santi Alvite
A USC puxo en marcha en novembro de 2019 o programa de micromecenado 'Sumo Valor'. FOTO: Santi Alvite
Empresas, institucións e particulares levan doado á USC preto de 12.000 euros en tan só dous meses a través desta campaña de micromecenado que permitirá avanzar en diferentes liñas de investigación sobre a pandemia
Lugo, Santiago de Compostela

A plataforma de micromecenado da USC 'Sumo Valor' abriu no mes de abril unha nova liña destinada a acelerar o proceso de investigación contra a COVID-19. Dende entón, máis dun centenar de particulares, institucións e empresas de moi diversa índole quixeron tomar parte nesta iniciativa. En total, a Universidade logrou captar, neste breve espazo de tempo, 11.745 euros que irán dirixidos a financiar cinco proxectos de investigación.

Algunhas das doazóns leváronse a cabo a través de iniciativas innovadoras como a impulsada dende o Parque Náutico de Castrelo de Miño, o cal acolleu na súa terraza a actuación do músico Andrés Montes. O artista permitiu que a totalidade da súa remuneración se destinase á USC. Asemade, dende o Náutico optaron por incrementar esta cantidade achegando dous euros por cada persoa do público. A actuación desenvolveuse respectando as medidas de seguridade dictadas polas autoridades sanitarias.

Proxectos financiados

Os fondos captados a través de 'Sumo Valor' están a servir como fonte de financiamento para dous proxectos desenvolvidos co Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica (CiQUS). Por unha banda, o profesor Javier Montenegro é o investigador principal dun proxecto que prepara vectores peptídicos para o transporte de ARN mensaxeiro de potencial aplicación en vacinas; pola outra, o grupo que dirixe o profesor José Martínez Costas traballa dende abril no desenvolvemento dunha vacina fronte á COVID-19 en base a unha nova metodoloxía, desenvolta no propio centro e patentada pola USC, que permite resultados en marxes de tempo reducidos e a baixo custo. Esta investigación está a piques de iniciar probas preclínicas en animais.

O catedrático de Electromagnetismo da USC, Jorge Mira, é o investigador principal do proxecto 'Predico' sobre modelos de predición dinámica sobre escenarios de afectación por COVID-19 a curto e medio prazo. O obxectivo deste proxecto tamén financiado pola campaña de micromecenado da USC, é o de predicir a evolución da expansión e incidencia da enfermidade. Este equipo de investigadores logrou predicir cando se ía producir o pico da pandemia.

A cartografía de risco coordinada polo profesor Ángel Miramontes permitirá coñecer onde se localizan os principais focos de contaxio pola COVID-19, con que factores territoriais están relacionados e cales son os espazos de actuación chave para frear a súa propagación. 'Sumo valor' toma tamén parte na elaboración deste mapa actualizable que permitirá realizar un diagnóstico sobre o comportamento espacial do contaxio.

Finalmente, desenvolver e avaliar en estudos preclínicos unha nova vacina baseada en ARNm contra o SARS-CoV2 capaz de inducir respostas inmunitarias de longa duración fronte ao virus é o fin último do proxecto de investigación no que traballa o laboratorio que lidera a catedrática da USC e investigadora no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), María José Alonso, e que tamén recibe fondos procedentes de 'Sumo Valor'. O obxectivo é producir un vehículo sintético baseado en biomateriais inocuos e capaz de transportar o ARNm ao interior das células dianas, de modo que logre a produción do  antíxeno no organismo humano.

Conexión coa sociedade

A USC puxo en marcha en novembro de 2019 o programa de micromecenado 'Sumo Valor' co obxecto de crear un espazo de encontro que implique a empresas, institucións e sociedade nas actividades, proxectos e servizos que desenvolve a Universidade. Esta iniciativa constitúe un “vínculo activo coa USC e un instrumento que reforza a nosa conexión coa sociedade”, explicou o reitor Antonio López no acto de presentación da campaña. Dende o seu nacemento,'Sumo Valor' leva captado un total de 46.443 euros. "Esta captación de fondos destinarase a investigacións en distintos eidos, dende as Ciencias, Enxeñarías e Ciencias da Saúde, ata as Ciencias Sociais e Xurídicas", explica o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo. O prazo para realizar doazóns remata o 31 de xullo de 2020 e pode formalizarse a través desta ligazón.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.02.2021.