Ir o contido principal

O SUR publica a listaxe definitiva de persoas admitidas para as 960 prazas de aloxamento que a USC oferta no curso 2025/2026

Todas as persoas solicitantes recibirán unha SMS informativa. Imaxe de arquivo de estudantado chegando ao Burgo das Nacións. FOTO: Santi Alvite
Todas as persoas solicitantes recibirán unha SMS informativa. Imaxe de arquivo de estudantado chegando ao Burgo das Nacións. FOTO: Santi Alvite
Ata o 3 de agosto deberá aboarse a fianza de reserva de praza, mentres que as persoas solicitantes que figuran na listaxe de agarda deberán confirmar, no mesmo prazo, o seu desexo de permanecer na lista
Lugo, Santiago de Compostela

O Servizo Universitario de Residencias da USC (SUR) fixo pública este xoves 31 a listaxe definitiva de solicitudes admitidas para as 960 prazas de aloxamento ofertadas no curso 2025/2026. As persoas admitidas deben aboar ata o 3 de agosto, a cantidade de 150 euros en concepto de fianza de reserva de praza. Ademais, a principal novidade deste ano, é que todas aquelas persoas que, polo de agora, non figuren como admitidas, deben confirmar o seu desexo de permanecer na lista de agarda. Para facelo, deben efectuar a confirmación a través do web da convocatoria ata o 3 de agosto. Todas as persoas solicitantes recibirán unha SMS informativa. 

A Universidade de Santiago é a que máis prazas públicas de aloxamento dispón para o seu estudantado de todo o Estado. En concreto para o vindeiro curso, no campus compostelán ofrece as residencias universitarias Monte da Condesa e Burgo das Nacións e os colexios maiores Fonseca e Rodríguez Cadarso. En Lugo, a USC conta coa residencia universitaria Jesús Bal y Gay. 

Os prezos de aloxamento calcúlanse en función da Renda Persoal Dispoñible (RPD) e van, para un cuarto individual, dende os 62 aos 292 euros, e para un cuarto dobre compartido dos 46 aos 251. Poderán ocupar a súa praza dende o 4 de setembro de 2025 ata ao 31 de maio de 2026, e unha vez rematado este período, os/as residentes/colexiais que desexen continuar no SUR deberán solicitalo mediante a Convocatoria de verán 2026. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.07.2025.