‘Sweeney Todd, o barbeiro diabólico da rúa Fleet’, premio ao mellor espectáculo no festival internacional de Covilha

A produción da compañía compostelá da Aula de Teatro da USC ‘Sweeney Todd, o barbeiro diabólico da rúa Fleet’ acaba de colectar o premio do público ao mellor espectáculo no Festival Internacional de Teatro celebrado en Covilha (Portugal). Ademais, a actriz Helena Salgueiro, polo seu papel de Mrs. Lovett, acadou o premio á mellor interpretación feminina. A Compañía da Aula de Teatro da USC conmemora este ano o 25 aniversario da súa creación e a súa última produción colectou nos últimos meses un destacado éxito de público tanto no seu estreo en Compostela como na súa posterior participación no Festival Internacional de Teatro Universitario celebrado na Universidade de Santiago. ‘A historia de Sweeney Todd, o barbeiro diabólico da rúa Fleet’ é unha adaptación do musical de Stephen Sondheim que parte do libreto de Hugh Wheeler, cunha duración de 90 minutos e música en directo da man do Espazo de Cámara da USC.