‘Sweeney Todd, o barbeiro diabólico da rúa Fleet’ recibe dous novos recoñecementos en Ourense e Lituania

A produción da compañía compostelá da Aula de Teatro da USC ‘Sweeney Todd, o barbeiro diabólico da rúa Fleet’ incorpora dous novos recoñecementos, nesta ocasión da MITEU de Ourense e nun festival internacional en Lituania. Na vixésima edición do festival ourensán, a proposta compostelá recibiu o Premio do Público, galardón que recolleu o director da Área de Cultura, Pablo Sampedro. Ademais, a produción universitaria presentouse no XVI-ias tarptautinis universitetų teatrų forumas en Vilnius (Lituania) na segunda sala do Teatro Nacional onde recibiu un total de seis premios, ao espectáculo e ás interpretacións femininas e masculinas que recaeron enMiguel Gendre, Helena Salgueiro, Alba López, Breogán Martínez e Aldara Cidrás. Estes recoñecementos súmanse ao premio do público ao mellor espectáculo no Festival Internacional de Teatro celebrado en Covilha (Portugal) onde a actriz Helena Salgueiro, polo seu papel de Mrs. Lovett, tamén acadou o premio á mellor interpretación feminina. A Compañía da Aula de Teatro da USC conmemora este ano o 25 aniversario da súa creación e a súa última produción colectou nos últimos meses un destacado éxito de público tanto no seu estreo en Compostela como na súa posterior participación no Festival Internacional de Teatro Universitario celebrado na Universidade de Santiago. ‘A historia de Sweeney Todd, o barbeiro diabólico da rúa Fleet’ é unha adaptación do musical de Stephen Sondheim que parte do libreto de Hugh Wheeler, cunha duración de 90 minutos e música en directo da man do Espazo de Cámara da USC.