O Teatro Principal encheuse para ver ‘Amanece que no es poco’ co seu director, José Luis Cuerda
O director de cine manchego José Luis Cuerda non decepcionou este xoves en Santiago. As colas de xente agardando entrar no Teatro Principal para ser partícipe do privilexio de ver ‘Amanece que no es poco’ co seu autor xa presaxiaban como ía ser a xornada.
Logo da ver a película chegou a conversa-coloquio co público, moderada polo profesor da USC Miguel Pardellas. Cuerda admitindo os seus “enciclopédicos” descoñecementos sobre o cambio climático, foi rememorando anécdotas da película, das súas personaxes e da súa vida en xeral. Da falta da liberdade de expresión – “a miña película non se podería estrear hoxe…”, dixo–, pasábase ao eloxio do rural; da ecoloxía das ideas ao adianto dalgúns dos detalles da súa próxima película que comezará a rodar en novembro; da asemblea de mulleres aos homes dos bancais...
Tras hora e media de conversa, José Luis Cuerda quedou aínda un bo rato no Teatro Principal conversando coa xente que o acompañou na velada e asinando autógrafos.
Descarboniza!
O cambio climático constitúe quizais o maior reto ambiental ao que se terá que enfrontar a humanidade nas próximas décadas. É por este motivo polo que o Grupo de Investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA) da USC deseñou o proxecto “Descarboniza! que non é pouco...”, co que se busca organizar e acompañar grupos de persoas que estean dispostas a “descarbonizar” os seus estilos de vida , reducindo así as súas emisións de gases de efecto invernadoiro.
Na actualidade estase a desenvolver unha iniciativa piloto a través dun convenio de colaboración co Concello de Santiago de Compostela, traballando nos Centros Socioculturais de Vite, Lavacolla e Fontiñas.
Neste contexto, explica Pardellas, “parecía importante organizar un evento que, alén de dar unha maior visibilidade ao proxecto, contribuíra a explorar novas liñas de actuación”.
O Teatro Principal ateigouse para ver 'Amanece que no es poco' co seu director (Foto: Grupo SEPA-Interea)