Teatro universitario no auditorio Gustavo Freire de Lugo no marco do XXI Festival da USC

A actividade teatral capitalizará esta fin de semana a programación cultural desenvolvida no auditorio municipal Gustavo Freire de Lugo, o escenario no que as distintas compañías, así como os artistas galegos en formación convidados a participar no XXI Festival de Teatro Universitario da USC presentarán ao público as súas respectivas creacións.
A compañía USC-Compostela abriu a programación desta cita coa representación da obra ‘Sweeney Todd, o barbeiro diabólico da Rúa Fleet’, unha versión do libreto musical de Sondehim feita Roberto Salgueiro, unha primeira entrega que terá continuidade este venres coa celebración dun ensaio aberto da compañía USC-Lugo, unha formación dirixida por Paloma Lugilde e que estreará e domingo, día 19 de abril, a partir das 21.00 horas, a obra ‘Lear. De nada nada sae’, unha dramaturxia da propia Paloma Lugilde a partir do texto orixinal de ‘Rei Lear’, de Schakespeare. Dúas horas antes da estrea da nova produción na que está a traballar a compañía de teatro USC-Lugo, o auditorio Gustavo Freire será o escenario no que o grupo de teatro Krilajo, unha compañía independente xurdida da USC-Lugo e dirixida por José María Tubío Sánchez, representará a creación colectiva ‘Estás aí?’. O festival de teatro universitario dedicará a programación da xornada do sábado á presentación de micro proxectos de artistas galegos en formación. Así, baixo o epígrafe de Teselas, Clara Vior e Carlos Barea, do madrileño Estudio Corazza para el Actor, presentarán ‘Como saltar a escena’. A tamén luguesa Alba Fernández López, quen na actualidade está a ampliar a súa formación na Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Estremadura, representará a peza ‘Un ménage à solas’. Ao seu remate, Ángela Beltrán, da Real Escola de Arte Dramática (Resad) de Madrid, levará a escena ‘Aguja e hilo’. A compañía de teatro da residencia universitaria Jesús Bal y Gay, Tik Teatro, dirixida por Laura G. Recio, pechará a sección ‘Teselas’ do festival coa representación de ‘Gran oferta promocional’. A compañía de teatro do campus de Ourense Maricastaña será a encargada de botar o pano ao XXI Festival de Teatro Universitario de Lugo o luns 20 de abril coa presentación, a partir das 20.30 horas, no auditorio Gustavo Freire, da montaxe ‘III’, unha dramaturxia de Fernando Dacosta a partir da obra orixinal Ricardo III, de Shakespeare.