Ir o contido principal

‘Tecido cru. Insectos, catedrais, dobras e trenzas’, un paseo polos principios do deseño

Foto: Santi Alvite
Foto: Santi Alvite

Máis de trinta pezas téxtiles realizadas polo alumnado dos Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga) expóñense ata o 31 de marzo na Igrexa da Universidade para reflexionar sobre os principios construtivos do deseño. A exposición ‘Tecido cru. Insectos, catedrais, dobras e trenzas. Exercicio e didáctica no deseño’ que comisarían Lola Dopico Aneiros e Cristina Varela Casal pode visitarse de luns a venres de 17.00 a 20.30 horas.

A partir do uso do tecido cru, as pezas presentes na mostra xorden como exercicio de comprensión do vestido, que as creadoras e creadores presentan ás veces baixo a retórica da acumulación, a esaxeración e a hipérbole. Trátase así de amosar e facer lexibles os fundamentos do deseño, pero tamén o proceso de comprensión do vestido como un obxecto poético puro. Con el advírtese a lóxica de oposición entre simetría e irregularidade, estabilidade e desequilibrio, estatismo fronte a mutabilidade; e tamén as calidades do tecido, que inflúen na súa trama, textura, aspereza ou suavidade, rixidez, maleabilidade, dureza ou fraxilidade.

O vestido como elemento de deseño
Na mostra observaranse técnicas de estratificación a partir da repetición de volantes nos traballos de Raquel Barbosa ou Míriam Cartagena, que dan lugar a extremas configuracións, dobras e engurrados nos de Noemí González ou Andrea Piñeiro. A repetición modular amplificada ata a práctica ocultación do corpo é a técnica de Sofía Granja, e os oficios como a cestaría que se solapan con técnicas como o capitoné están presentes no traballo de Anabel Santos ou Inés Charre.

A dimensión do obxecto magnificada é no que se centran Sasha Ratkovic e Claudia González, que con vontade arquitectónica reconfiguran o concepto de silueta, como tamén o fai Míriam Otero. Traballos de silueta máis recoñecible que aínda así amplifican as magnitudes da proporción corporal obsérvanse na proposta de Vicky Marqués, cunha verticalidade desafiante, ou a volumetría extrema a partir da propia natureza dun tecido que presentan Paloma Malvar e Iria Ginebra González.

Pola súa banda, Laura Villegas mira cara aos invertebrados para dar forma a unha sorte de exoesqueleto que recobre o corpo dunha coiraza ríxida, mentres que Teresa Búa reconstrúe “un novo humano” e Vanessa Parente presenta unha onírica arquitectura que se enrosca arredor do corpo.

Foto: Santi Alvite Foto: Santi Alvite Foto: Santi Alvite

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.02.2017.