Ir o contido principal
  • USC Vida

Tecnoloxía de alimentos, unha nova vía de colaboración con México

Fraga, López Mosquera, Romero e Álvarez, cunha delegación da Universidade Autónoma de Chapingo
Fraga, López Mosquera, Romero e Álvarez, cunha delegación da Universidade Autónoma de Chapingo
Unha delegación académica da Universidade Autónoma de Chapingo visita o Campus de Lugo para explorar a posibilidade de articular un programa de doutoramento con investigadores do Campus Terra no eido das tecnoloxías agroalimentarias
Lugo

A tecnoloxía dos alimentos antóllase como un posible novo ámbito de colaboración entre a USC e a Universidade Autónoma de Chapingo (México), segundo se desprende da visita institucional realizada este mércores á sede universitaria luguesa por unha delegación da institución académica mexicana encabezada pola directora Xeral de Investigación e Posgrao da Universidade de Chapingo, Consuelo Lobato Calleros.

O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo da USC, Francisco Fraga; a delegada para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, o adxunto da Vicerreitoría de Organización Académica da USC, Antonio Álvarez, e catedrática da área de Tecnoloxía de Alimentos, Ángeles Romero, aproveitaron o recibimento ofrecido á comitiva mexicana para intercambiar impresións respecto dos distintos programas formativos, tanto títulos de grao, posgrao e doutoramento, impartidos na USC e tamén na Universidade Autónoma de Chapingo.

A delegación da Universidade Autónoma de Chapingo, da que tamén forman parte o subdirector Xeral de Investigación, Artemiro Pérez López; o coordinador da liña de alimentos funcionais e innovadores do posgrao en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria, Eleazar Aguirre Mandujano; o coordinador do posgrao en Ciencia e Tecnoloxía Alimentaira, Salvador Valle Guadarrama, e o coordinador do Centro de Investigación para o Desenvolvemento das Rexións Cafeteiras (Cenidercafe), Gervasio Partida Sedas, aproveitaron a súa estadía na sede universitaria luguesa para visitar algunhas das instalacións e centros de investigación de que dispón o Campus Terra da USC.

Así, logo de facer unha análise máis polo miúdo das posibles sinerxías entre os programas formativos impartidos pola USC e a Universidade de Chapingo no ámbito da Ciencia e Tecnoloxía Alimentaria, así como respecto das diversas liñas de investigación que se manteñen activas neste eido, a delegación universitaria mexicana realizou unha visita ás instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías  Alimentarias (APLTA).

Xa en quenda de tarde, a decana da Facultade de Ciencias, Asteria Luzardo, mantivo tamén un encontro informativo como esta representación institucional da Universidade Autónoma de Chapingo, que este xoves remataría a súa estadía en Galicia cunha visita á sede do Clúster Alimentario de Galicia, onde se reunirán co xerente do Clusaga, Roberto Alonso.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.10.2023.