Ir o contido principal

O teletraballo, a análise na revista ‘SiPYMEs’ da Aula TIC-Pemes da USC

Cartaz da revista dixital 'SyPYMEs'
Cartaz da revista dixital 'SyPYMEs'
O quinto número da publicación dixital anual da Aula TIC-Pemes da USC compila testemuños de profesioais, empresarios e outros especialistas sobre as particularidades do traballo non presencial
Lugo

O teletraballo como nova forma de desenvolver as funcións laborais e profesionais na actual conxuntura excepcional propiciada pola pandemia provocada pola COVID-19 centra a temática do quinto e último número da revista ‘SiPYMEs’, a publicación dixital de periodicidade anual que cada ano académico elabora a Aula TIC-Pemes da USC.

A última entrega desta publicación, que xa está accesible en liña, achégase ao teletraballo cun monográfico no que, a través das achegas realizadas por diversos profesionais e empresarios de diversos sectores, afondan na análise das particularidades que presenta este novo escenario laboral, unha realidade que, en maior ou menor medida, irrompeu na actividade diaria das empresas e para a que non todas estaban preparadas.

SiPYMEs compila no seu quinto número a visión da modalidade de traballo non presencial dunha das empresas máis representativas da capital luguesa, como é o caso de Arenal, da man de Sergi Sixto, que narra a súa experiencia nas áreas administrativa e de márketing. O profesional de ferramentas colaborativas Hugo López tamén deixa a súa pegada na última entrega de ‘SiPYMEs’.

A empresa Computer-3, dedicada a proporcionar formación e ferramentas para desenvolver o teletraballo tamén fai a súa contribución nesta publicación a través dunha colaboración de Pablo López, consultor de protección de datos e especialista en dereito das TICs. Outro dos contidos que enriquece SiPYMEs é autoría de Carlos Navaza, asesor de empresas nas áreas de estratexia, negocio e enerxía. Francisco Labandeira, economista interino da Axencia Tributaria que forma parte do programa da campaña de IRPF ‘Le Llamamos’, e a profesional especializada en Auditoría Financeira Mercedes Permuy completan o abano de colaboradores que participan neste monográfico sobre teletraballo impulsado desde a Aula TIC-Pemes da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.07.2020.