A terceira edición do Concurso de Fotografía da Natureza céntrase no mundo dos insectos

A Asociación de Amigos do Museo de Historia Natural (MHN) da USC organiza o III Concurso de Fotografía da Natureza, aberto a fotógrafos/as afeccionados/as e profesionais sen límite de idade. A edición deste ano céntrase no mundo dos insectos. Cada participante poderá presentar un máximo de dúas fotografías orixinais, inéditas e non premiadas noutros concursos, que se enviarán en formato dixital a comunicacion.museohistorianatural [at] usc.es (comunicacion[dot]museohistorianatural[at]usc[dot]es) antes do 31 de outubro ás 23.59 horas. As bases completas poden consultarse nesta ligazón.
O xurado fará unha selección entre as obras presentadas que se expoñerá no MHN xunto coa mostra ‘Bolboretas e escaravellos: un mundo de cores e formas’. Entre as fotografías seleccionadas, elixiranse as tres gañadoras. O primeiro premio será de 300 euros, 200 para o segundo e 100 euros para o terceiro clasificado.
O ditame do xurado producirase no mes de novembro de 2022 e darase a coñecer na web da asociación. A entrega dos premios farase no acto de inauguración da exposición das fotografías seleccionadas.