Ir o contido principal

A terceira edición de InvestigArte pecha este martes o prazo de presentación de traballos

A terceira edición de InvestigArte pecha este martes o prazo de presentación de traballos
A terceira edición de InvestigArte pecha este martes o prazo de presentación de traballos
Ao concurso poden presentarse investigadores e estudantes de secundaria, bacharelato e Formación Profesional

A terceira edición do concurso InvestigArte pechará este martes 20 o prazo para a recepción de orixinais. A finalidade do concurso é a busca de imaxes capaces de transmitir unha visión artística da ciencia e a tecnoloxía. Investigadores e estudantes de secundaria, bacharelato e Formación Profesional están convocados a enviar as súas obras. As mellores achegas serán seleccionadas e formarán parte dunha colección de obras que realizarán un percorrido itinerante por distintas cidades de Galicia. O concurso está organizado por un grupo de investigadores novos do Campus de Excelencia Internacional da USC, Campus Vida; por educaBarrié, a canle educativa da Fundación Barrié; o Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago (IDIS) e a Universidade da Coruña que acaba de incorporarse como novidade desta convocatoria, cuxas distintas etapas e os centros que van sucesivamente acollendo a colección se pode consultar na web www.investigarte.es. Ademais, a Fundación Telefónica seleccionouna como unha das 100 innovacións educativas máis eficaces para fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas. A estrutura do concurso mantense, permitindo que os investigadores poidan enviar as súas obras en dúas categorías: macrofotografía (para imaxes ou vídeos de obxectos maiores dun milímetro) e microfotografía (para obxectos de tamaño igual ou menor a un milímetro). Na modalidade dirixida a estudantes de secundaria, bacharelato e FP, ademais de fotografía e vídeo, engádese a posibilidade de participar con ilustracións. As 30 mellores obras nas distintas categorías serán seleccionadas por un xurado profesional e formarán parte da colección itinerante de InvestigArte que visitará distintos centros sociais e educativos. No que respecta aos premios desta nova edición, incorpórase o premio especial Roche, destinado a investigadores.

O seu equipo de promotores considera InvestigArte como unha ferramenta para achegar á sociedade a ciencia sobre a que se desenvolverán os avances do futuro presentándoa como un sector atractivo, dinámico e altamente profesional. Como engaden, a acollida das dúas edicións anteriores ten superado tanto as expectativas de participación de investigadores e escolares como o seu impacto social.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.01.2015.