Ir o contido principal

A terceira promoción de talentos matemáticos de ESTALMAT comezou as actividades deste curso

O programa, avalado pola Real Academia de Ciencias, conta con financiamento de Vodafone-España e das Diputacións da Coruña e Lugo

O curso 2009-10 do Proxecto ESTALMAT-Galicia, que ten como obxectivo o estímulo do talento matemático en rapaces de 12 e 13 anos, comezou este sábado (día 19) na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela. Asistirán os 25 alumnos de Estalmat-Galicia que forman a 3ª promoción, acompañados das súas familias, autoridades académicas e equipo docente do proxecto. Ao final do acto, presidido por Juan Viaño Rey, vicerreitor de Profesorado e Organización Académica da USC e presidente do Comité Organizador de Estalmat-Galicia, os alumnos recibiron a súa acreditación e seguidamente sairán en autobús para un campamento matemático durante o fin de semana en Abegondo-Sada, que supón unha toma de contacto entre eles nun ambiente lúdico-matemático.

Tamén participaron no acto a decana da Facultade de Matemáticas, Mª Victoria Otero Espinar; o delegado Territorial da Fundación Vodafone España, José de Santiago; a Vicepresidenta do Comité de Estalmat-Galicia, Mercedes Feijoo, e a responsable da relación coas familias, Covadonga Rodríguez-Moldes.

Os 11 membros do Comité Organizador e os 25 do Equipo Docente, todos eles profesores de matemáticas de amplo historial no ámbito do ensino secundario e universitario, recibirán aos 25 estudantes que foron seleccionados o pasado 6 de xuño na proba celebrada na Facultade de Matemáticas, na que participaron un total de 142 estudantes de toda Galicia, nacidos en 1996 e 1997. Os participantes, 88 rapaces e 54 rapazas, procedían na súa maioría das provincias da Coruña (89) e Pontevedra (38), seguidas das de Lugo (14) e Ourense (1), tanto do ensino público (112) como do privado (30). A distribución por provincias dos seleccionados é a seguinte: A Coruña 14, Lugo 4 e Pontevedra 7.

Durante o curso os estudantes seguirán un programa especial de estímulo do talento matemático seguindo as directrices do Proxecto ESTALMAT-España, que desde o ano 1998 ven implantándose en distintas comunidades como Madrid, Cataluña, Castela e León, Andalucía, Canarias e Valencia. Estas actividades terán lugar na Facultade de Matemáticas nas mañás de 20 sábados do curso académico. Trátase de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia.

O vindeiro día 3 de outubro comezarán as actividades dos 25 alumnos do 2º ano (promoción 2008-2010). Por primeira vez, Estalmat-Galicia pon en marcha este curso o Estalmat Pi, dirixido a manter o contacto entre os alumnos que remataron o seu paso por Estalmat (promoción 2007-09). Serán en total 3 sábados no curso, con actividades que terán lugar en Lugo.

O Proxecto ESTALMAT-España está avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e conta co apoio financeiro da Fundación Vodafone-España, do Proxecto Ingenio-Mathematica do Programa Consolider e do CSIC. O Proxecto ESTALMAT-Galicia, pilotado pola Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, ademais de participar destas axudas, conta cun financiamento específico das Deputacións da Coruña e Lugo. Polo volume da súa achega destaca o patrocinio da Fundación Vodafone-España, institución autónoma sen ánimo de lucro dedicada á investigación e ao desenvolvemento no ámbito das comunicación por móbiles e promovendo as aplicacións das TIC co fin de mellorar as condiciones de vida y de integración de grupos sociais diversos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.09.2009.