Terceiro concerto do ciclo das sonatas para piano de Beethoven

A pianista Norie Takahashi será a encargada de interpretar o luns 19 o terceiro concerto do ciclo ‘Unha vida de emocións en 32 sonatas’ dedicado ás sonatas para piano de Beethoven. Será ás 20.30 horas no Paraninfo, con entrada libre. No recital soarán as sonatas 8 en Do menor Op. 13 (Patética) , 9 en Mi maior Op. 14 n° 1 , 10 en Sol maior Op. 14 n° 2 e 11 en Si bemol maior Op. 22 .
Norie Takahashi
Norie Takahashi causou unha gran impresión no mundo da música co seu éxito na I International Beethoven Competition en Bonn, na que obtivo o segundo premio e un recoñecemento especial pola mellor interpretación dunha composición contemporánea.
Tras os seus estudos na Universidade de Música Toho de Xapón, Takahashi trasladouse a Berlín cunha bolsa DAAD para estudar co profesor Klaus Hellwig na Universidade das Artes de Berlín. Aparte disto, recibiu importante formación musical en cursos de máster con Robert Levin, Bruno Leonardo Gelber, Ferenc Rados, Vitaly Margulis, Michail Voskressenski, Heinrich Schiff (música de cámara) e Dietrich Fischer-Dieskau (Lied), entre outros.
Mentres estudaba no Xapón, xa obtivo varios éxitos internacionais: diploma finalist no Queen Elizabeth Music Competition de Bruxelas e o premio especial no Beethoven Competition de Viena. Tamén recibiu o segundo premio no Berlin Artur Schnabel Competition, no Steinway Prize Berlin e o premio especial no Leeds International Piano Competition. En 2003 gañou o primeiro premio en dúo de canción co barítono Peter Schoene e o premio do espectador no Franz Schubert and Contemporary Music International Competition en Graz.
Takahashi ofreceu concertos non só en Xapón e Alemaña, senón tamén en Bélxica, Holanda, Italia, Francia, Austria, Turquía, Rusia, China e Corea. Ademais, os seus concertos foron ofrecidos nalgunhas das salas máis prestixiosas como na Cologne Philharmonic Hall, na Berlin Philharmonic Hall, na Beethoven Hall de Bonn, na Bahnhof Rolandseck Concert Hall, no Theatre de la Monnaie de Bruxelas, na Tokyo Bunka Kaikan, na Suntry Hall, no Tokyo Metropolitan Theater, na Kioi Hall de Tokyo e na Symphony Hall de Osaka.