Teresa Moure impartirá un curso sobre a perspectiva de xénero na docencia universitaria
A escritora e profesora de Lingüística Xeral Teresa Moure impartirá o vindeiro mes de marzo o curso ‘ Docencia universitaria nunha sociedade plural: a perspectiva de xénero’ incluído dentro da oferta do Programa de Formación e Innovación Docente da USC (PFID). Esta acción formativa dará a coñecer os postulados básicos da perspectiva de xénero, ao tempo que busca reflexionar sobre a identidade de xénero e a construción social a través da lingua, sobre a calidade dos discursos académicos para adecualos á pluralidade de xénero, ademais de sensibilizar a favor das mulleres e do feminino. Entre os días 3 e 10 de marzo, sucederanse unha serie de sesións interactivas en horario de tarde, de 16.00 a 20.00 horas, con exposición docente documentada e actualizada acompañada de material gráfico e de exercicios que favorezan o debate. O curso encádrase no cumprimento dos obxectivos do segundo Plano Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes da USC. A inscrición xa se pode formalizar ata o próximo 23 de febreiro.