Ir o contido principal

A terminoloxía, campo de estudo clave para as linguas inmersas nun proceso de normalización

O encontro desenvólvese en Filoloxía (Fotos: SERVIMAV)
O encontro desenvólvese en Filoloxía (Fotos: SERVIMAV)

Especialistas de todo o mundo reúnense esta semana na Facultade de Filoloxía para asistir ao Segundo Congreso Internacional da Rede de Lexicografía (RELEX) dedicado este ano á terminoloxía, un campo de estudo fundamental para todas as linguas que queiran responder desde a súa identidade ás necesidades denominativas especializadas da sociedade actual, pero que adquire unha importancia especial para as linguas que están inmersas nun proceso de normalización.

O encontro profundará ata o día 7 na relación entre terminoloxía e empresa e no traballo colaborativo na elaboración e difusión da terminoloxía, dúas cuestións importantes para os organizadores na realidade actual de Galicia. “Os problemas da terminoloxía e o mundo empresarial é recorrente no Plan Xeral de Normalización Lingüística do 2004, e é un dos puntos importantes do Plan de normalización lingüística no ámbito da empresa que neste momento elabora a Xunta de Galicia” . No que se refire ao traballo colaborativo na produción e difusión da terminoloxía, explican, é fundamental en todos os ámbitos “pero dunha maneira moi especial na terminoloxía das TIC e nos problemas de localización de software ao galego, onde existe unha comunidade moi activa de traballo colaborativo”. A inauguración do congreso tivo lugar esta mañá nun acto presidido polo vicerreitor de Comunicación, Xosé Pereira, e no que ademais participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a decana da facultade anfitrioa, María José López Couso; o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero; a coordinadora da rede ‘Relex’, Dolores Sánchez Palomino; e o presidente do comité organizador, o profesor da USC Manuel González. A continuación, a presidenta da Secció Filológica do Institut d’Estudis Catalans, María Teresa Cabré, pronunciou a conferencia ‘Terminoloxía e variación: proposta teórica e aplicación. Xunto a este relatorio plenario terán lugar outros tres a cargo de recoñecidos especialistas internacionais e dúas mesas redondas. O terceiro día do encontro dedicarase a un obradoiro de iniciación á utilización dos recursos terminolóxicos. Terminoloxía e empresa e traballo colaborativo son os eixos do encontro (Foto: SERVIMAV-USC)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.10.2015.