O Terra Creative Jam premia un dispositivo anticaídas para persoas maiores con sistema airbag e dispositivo de emerxencia
Un dispositivo anticaídas para persoas maiores foi o proxecto vencedor do Terra Creative Jam, o evento creativo e de innovación do Campus Terra da USC que ten como propósito fomentar a implicación da comunidade universitaria e mocidade coas zonas rurais, aproveitando ideas innovadoras que poidan contribuír ao seu desenvolvemento sustentable. Baixo o nome ‘Ovella’, o proxecto vencedor é de aplicación en varias prendas confeccionadas con materia prima sostible como lá ou coiro e con sistema airbag e dispositivo de emerxencia. David López García, Sara Cabaleiro, Pablo Saldaña Gayoso, Anthía Láuzara Arroyo e Diego Rodríguez Domínguez.
O segundo premio foi para o proxecto denominado ‘Costureta’ que consiste na creación dun taller itinerante sobre rodas, inspirado no concepto de food truck. O obxetivo é recorrer o rural organizando obradoiros de moda circular onde as persoas participantes teñan a oportunidade de cocrear, reparar, redeseñar e transformar roupa esquecida no armario, dándolle unha segunda vida. Os responsables desta idea innovadora son Alejandra Rodríguez Gay, Carla Dacosta Iglesias, Claudia González Pérez e Daniela Morgana Galano Sutil.
Finalmente, o proxecto de desenvolvemento rural Mentora, que consiste na posta en marcha de actividades onde as persoas maiores sexan mentoras e ensinen sobre técnicas agrícolas tradicionais, oficios milenarios ou sobre métodos de plantacións e horta, entre otras actividades, a personas das cidades que queiran empaparse do saber rural, recibiu o terceiro premio. Verónica Fonterosa Frías, Esteban Somoza Poceiro, Damián Pintos Louzao,
Jairo Muñoz García e Álvaro Mena Herrera son responsables da creación do proxecto.
As propostas gañadoras terán a oportunidade de recibir apoio institucional, visibilidade e canles de identificación con posible financiación ou incubación en programas de emprendemento da USC.
Resolver desafíos sociais
Organizado polo Campus Terra a través da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) en colaboración coa Lug Open Factory e a Xunta de Galicia, Terra Creative Jam ofrece un espazo de encontro para que estudantes e persoas egresadas da USC, emprendedores, profesionais e cidadanía en xeral poidan presentar solucións, resolver desafíos sociais, ambientais e tecnolóxicos, establecer redes e dinamizar proxectos con impacto no rural galego.
O evento, que tivo lugar na Facultade de Administración de Empresas do Campus Terra de Lugo, estimula ideas e iniciativas que favorezan a vitalidade dos territorios rurais; une a mocidade e ás comunidades rurais, promovendo o intercambio de visións e proxectos; facilita redes de colaboración entre institucións universitarias, administracións locais e actores do tecido empresarial e social; e dá visibilidade ao potencial do rural como escenario de innovación, emerxencia profesional e compromiso con valores ambientais e sociais.
Durante os dous días do encontro, os participantes (sos ou en equipo) gozaron dunha primeira xornada de ideación con dinámicas de innovación e xeración de ideas e proxectos sostibles, formación con obradoiros específicos, prototipaxe con maquinas 3D, realidade virtual e IA, taller maker e actividades deportivas e lúdicas con escape room ou escalada. A segunda xornada consistiu nun Hackaton ou ‘jam’ onde por equipos traballaron en idear e prototipar solucións que responderan aos desafíos do rural en ámbitos como mobilidade, tecnoloxía, medioambiente, xestión de recursos, economía local, infraestruturas ou conectividade dixital.