Terreos con manexo sostible e aproveitamentos solidarios

Os terreos de que dispón a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) da USC no barrio lugués de San Fiz, unha finca de carácter experimental na que o alumnado do Grao de Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, así como do mestrado en Enxeñaría Agronómica desenvolve algunha das súas prácticas académicas e tamén certas tarefas de investigación, suman ás prácticas sostibles que caracterizan o manexo dunha parcela que se rexe polo sistema de rotación de cultivos, unha pinga de solidariedade.
Os cultivos de horta capitalizan a produción desta finca, tanto nos seus invernadoiros como na superficie ao aire libre, na que alumnado e docentes fan prácticas de cultivos intensivos, así como dalgún dos cultivos extensivos máis importantes en Galicia. O personal da USC trata de manter esta finca en condicións de produción durante todo o ano, a través da rotación de cultivos acaídos para as condicións climáticas imperantes en cada época do ano.
O cultivo para consumo propio non é obxectivo desta parcela universitaria, na que, sen embargo, todas as colleitas son aptas para consumo humano. Daquela, a fin de evitar a perda destes lotes de alimentos, os responsables da EPS de Enxeñaría da USC que se ocupan da conservación desta propiedade optan por ceder de xeito altruísta os produtos hortícolas ao Banco de Alimentos de Lugo.
Daquela, traballadores desta entidade de carácter solidaria comezaron este venres a recoller as nabizas aptas para consumo e que logo repartirán entre os seus usuarios, segundo explicou a subdirectora de Prácticas da EPS de Enxeñaría, Rosa Romero, quen adiantou que así os terreos quedan dispoñibles para proceder á sementeira dos cereais de inverno.