Unha tese aborda o desempeño da competencia de uso de probas sobre a expresión dos xenes en secundaria
O concepto de ‘raza’ desbotado na actualidade da comunidade científica segue estando vixente nas ideas do alumnado de Secundaria, segundo a opinión da doutora Blanca Puig Mauriz que acaba de defender a súa tese de doutoramento, un estudo que inclúe unha análise das posicións do alumnado de secundaria sobre o modelo de expresión dos xenes en termos de interacción xenes-ambiente. Entre as conclusión do traballo, a profesora Puig Mauriz indica que existe unha identificación das persoas de raza negra especificamente como habitantes de África, o que en opinión da investigadora é consecuencia das representacións sociais. A tese 'O desempeño da competencia de uso de probas sobre a expresión dos xenes en secundaria', aborda a forma en que o alumnado de secundaria utiliza as probas para avaliar explicacións sobre características e desempeños humanos, como a intelixencia ou o desempeño en atletismo. Este traballo de doutoramento, cualificado como cualificación de apto cum laude, é a primeira investigación sobre esta cuestión no ensino das ciencias, e do interese que suscita na comunidade científica dan conta varias publicacións en inglés en libros e revistas. Baixo a dirección da catedrática de Didáctica das Ciencias Experimentais, María Pilar Jiménez Aleixandre, en particular analízase se o alumnado utiliza o modelo científico consensuado, no que estes desempeños e, en xeral o fenotipo, considérase causado polas interacciones entre xenes e ambiente, ou se dá explicacións influídas pola idea de que todos os trazos humanos son debidos unicamente aos xenes. Esta atribución dos trazos e desempeños humanos como debidos soamente a cuestións xenéticas é determinista e é o substrato do racismo. Os resultados rexistrados poderían xustificarse pola “posible existencia de interferencias entre a perspectiva científica sobre as interaccións xenes-ambiente e as representacións sociais sobre o concepto de ‘razas’”. Fronte isto, Blanca Puig propón abordar a cuestión de ‘razas’ na aula de secundaria e fomentar o diálogo para superar as visións deterministas. En conxunto, a pesar de que existen investigacións de argumentación en didáctica da xenética, o determinismo biolóxico non foi analizado, constituíndo unha das achegas orixinais desta investigación.