Ir o contido principal

Unha tese avoga por potenciar o valor engadido e a diversificación cara novos nichos de mercado no sector eólico

Pedro Varela, segundo pola dereita, cos integrantes do tribunal e a directora do traballo (no centro)
Pedro Varela, segundo pola dereita, cos integrantes do tribunal e a directora do traballo (no centro)

A enerxía eólica supón un vector relevante de crecemento económico e de diversificación industrial na economía galega, favorecendo a resiliencia rexional. Neste sentido, para lograr un desenvolvemento integral da cadea de valor sectorial, e superar o estancamento actual, cómpre adoptar un conxunto de medidas encamiñadas a lograr un maior valor engadido nas actividades realizadas, así como a diversificación cara novos nichos de mercado como a minieólica, a repotenciación ou a eólica mariña.

Estas son as principais conclusións que achega Pedro Varela Vázquez na súa tese de doutoramento, na que investigou o impacto económico do sector eólico na economía galega, así como o deseño e implementación dun conxunto de políticas “para favorecer a reemerxencia e consolidación desta enerxía renovable”. O traballo, dirixido pola profesora da USC María del Carmen Sánchez Carreira, resalta a relevancia económica deste sector estratéxico e propón un programa de actuacións co obxectivo de mellorar o desempeño sectorial. Ambos os dous investigadores pertencen ao grupo de Investigación Innovación, Cambio Estrutura e Desenvolvemento da USC (ICEDE).

No eido metodolóxico, a tese de doutoramento realizou a primeira análise económica da importancia deste sector en Galicia, en termos de emprego creado e contribución ao PIB, mediante a análise input-output. Asemade, desenvolveu diversas melloras metodolóxicas en relación á análise da cadea de valor sectorial e a diferenciación entre actividades temporais e permanentes. En relación ás políticas públicas, aplicouse a combinación dos enfoques dos Sistemas de Innovación e das Cadeas de Valor Globais, perspectiva novidosa que permite estudar as interrelacións entre as capacidades produtivas locais e as pautas de gobernanza ao longo da cadea de valor entre axentes de diferentes economías.

Co título ‘Políticas de promoción de sectores eólicos periféricos. Estudo do sector eólico galego e os seus efectos económicos’, o traballo obtivo a cualificación sobresaliente cum laude, outorgada polo tribunal formado por Anxo Calvo Silvosa, da Universidade da Coruña; Isabel María Bodas Freitas, da Grenoble École de Management (Francia); e Xavier Vence Deza, da USC. Como resultados desta tese, destácanse as publicacións en revistas de recoñecido prestixio internacional como Renewable and Sustainable Energy Reviews ou Technology Analysis & Strategic Management.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.12.2016.