Unha tese defendida en Veterinaria desenvolve novos métodos bioquímicos para detectar e cuantificar ficotoxinas
A investigadora Laura María Pérez Rodríguez desenvolve na súa tese de doutoramento, titulada ‘ Desenvolvemento de métodos bioquímicos para a detección de ficotoxinas’, catro novas metodoloxías, nas que se emprega sobre todo a tecnoloxía de microesferas fluorescentes en fluxo, para cuantificar estas toxinas, incidindo na súa aplicabilidade. Para acadar este fin, a investigadora estuda a estabilidade, sensibilidade, alto rendemento e a facilidade de uso por persoal non cualificado.
O conxunto dos resultados que achega Laura María Pérez Rodríguez na súa tese, dirixida polos profesores do Departamento de Farmacoloxía da USC na Facultade de Veterinaria de Lugo, Luis Miguel Botana e Natalia Vilariño, permiten sentar as bases para comezar un exercicio internacional de validación para poder introducir esta metodoloxía na investigación de existir a decisión política correspondente. A autora da tese desenvolve diversos métodos de cuantificación para detectar e medir toxinas emerxentes no grupo das iminas cíclicas, así como dos correspondentes análogos funcionais -empregan o mesmo mecanismo de acción- de auga doce, as anatoxinas. Laura María Pérez Rodríguez, titulada previamente en Ciencias do Mar, tamén elaborou un método inmunolóxico para cuantificar e detectar azaspirácidos, tal e como se coñecen unhas toxinas mariñas reguladas de difícil medida. As inminas cíclicas non están reguladas, do mesmo xeito que ocorre coas anatoxinas, sen embargo a súa proliferación está a ser tan extensa en todo o mundo, tanto nas costas (inminas cíclicas) como en lagos e reservorios de auga doce (anatoxinas), que a súa falla de control comeza a considerarse un problema. Outros traballos previos á investigación desenvolvida por Pérez Rodríguez na súa tese de doutoramento e realizados en laboratorio, puxeron xa de manifesto o posible risco toxicolóxico das inminas cíclicas, en particular dos espirólidos, que se absorben oralmente e chegan ao sistema nervioso central a través da barreira hematoencefálica. A tese de doutoramento ‘Desenvolvemento de métodos bioquímicos para a detección de ficotoxinas’ , defendida na Facultade de Veterinaria de Lugo e que recibiu a máxima cualificación académica por parte do tribunal nomeado para a súa avaliación, desenvolveuse con financiamento obtido de tres proxectos europeos, como o son Atlantox, Pharmatlantic e Conffidence. Asemade, Laura María Pérez Rodríguez tamén contou para a súa tese de doutoramento con achegas e colaboracións doutros grupos de investigación de Estados Unidos e de Europa, pertencentes ao Scripps Institute (California), Skaggs School of Pharmacy (California), CNRS (París) ou á Rice University de Houston (Texas).