Unha tese desenvolvida en Ciencias avanza no coñecemento dos sistemas supramoleculares de interese biolóxico

A tese de doutoramento “Estudos de fluorescencia a nivel de moléculas individuais da dinámica de sistemas supramoleculares de interese biolóxico’, desenvolvida polo licenciado en Química Jorge Bordello Malde baixo a dirección dos profesores na Facultade de Ciencias do campus de Lugo Mercedes Novo Rodríguez e Wajih Al-Soufi, do Departamento de Química-Física da Universidade de Santiago, achega significativas contribucións para avanzar no entendemento dos mecanismos involucrados neste tipo de asociacións supramoleculares.
Bordello Malde aplica na súa tese de doutoramento técnicas de microscopía que permiten detectar as flutuacións rápidas da fluorescencia de moléculas individuais mentres difunden libremente en disolución ou cando están inmobilizadas sobre unha superficie (FCS, smTIRF). A análise destas flutuacións permitiulle ao investigador lugués seguir a dinámica da interacción das moléculas fluorescentes con outras moléculas formando sistemas supramoleculares. Estas interaccións entre dúas moléculas abranguen un enorme intervalo de velocidades que vai desde poucos nanosegundos ata moitos segundos, tal e como constata a tese de doutoramento. Respecto dos sistemas analizados neste traballo, Bordello Malde estuda a encapsulación en moléculas ocas (ciclodextrinas), a dinámica da incorporación de solutos en micelas de tensioactivos, o mecanismo da unión de axentes sintéticos a cadeas dobres de nucleótidos de ADN e os cambios conformacionais en aptámeros de ARN. Os resultados obtidos en todos os campos de estudo depararon contribucións significativas que permiten avanzar no entendemento dos mecanismos involucrados neste tipo de asociacións supramoleculares. O interese destas novas achegas vén probado pola súa publicación en revistas europeas e americanas de primeiro nivel, así como pola súa presentación en congresos internacionais. A tese de doutoramento escrita e presentada en inglés por Jorge Bordello Malde, que opta á mención europea no título de doutor, mereceu a máxima cualificación académica por parte do tribunal encargado da súa avaliación, un xurado formado por cinco expertos na materia, dos cales dous son estranxeiros.