Ir o contido principal

A tese de María del Carmen Gómez Lado relaciona a administración de fármacos antiepilépticos en idade pediátrica coa elevación de homocisteína

A doutora Gómez Lado, flanqueada por Manuel Castro e Jesús Eirís.
A doutora Gómez Lado, flanqueada por Manuel Castro e Jesús Eirís.
A homocisteína está considera como factor de risco para desenvolver arterioesclerose e enfermidades cardiovasculares na idade adulta

A doutora María del Carmen Gómez Lado relaciona na súa tese de doutoramento a administración de fármacos antiepilépticos coa elevación da homocisteína en pacientes pediátricos. Como explica a investigadora, a homocisteína está considerada como factor de risco para desenvolver arterioesclerose e enfermidades cardiovasculares en idade adulta, ademais de terse vinculado co aumento do risco de accidentes cerebrovasculares na infancia.

Unha das principais conclusións da investigación establece a necesidade de “vixiar os valores de homocisteína en nenos/as tratados de forma crónica con fármacos antiepolépticos co fin de diminuír o risco de desenvolver enfermidades cardiovasculares na idade adulta”, advirte Mª del Carmen Gómez. No mesmo traballo tamén se demostra que o estado homocigoto para a mutación C677T da metilentetrahidrofolatoreductasa (MTHFR) incrementa o risco de desenvolver hiperhomocisteinemia en nenos tratados con antiepilépticos. A maioría dos pacientes incluídos na investigación recibían tratamento en monoterapia con ácido valproico (VPA) ou con carbamacepina (CBZ). Non obstante, a doutora Gómez Lado acalara que a determinación do xenotipo C677T da MTHFR en pacientes epilépticos debe contemplarse “só con fins de investigación mentres non se defina a existencia dunha relación fármaco-xenotipo”.

Este traballo de doutoramento, cualificado con sobresaliente cum laude, dirixiuno o catedrático de Pediatría, Manuel Castro Gago, e profesor Jesús Irís Puñal. O tribunal constituírono o profesor Manuel Pombo Arias como presidente; a profesora Rosaura Leis Trabazo como secretaria; e como vocais os profesores Emilio Fernández Álvarez, da Universidade de Barcelona; Rafael Palencia Luaces, da Universidade de Valladolid; e Antonio Martínez Bermejo, xefe de servizo de Neuroloxía Pediátrica do Hospital Infantil La Paz de Madrid.

O traballo continúa unha liña de investigación iniciado nos anos 90 e dá continuidade a outras dúas teses dirixidas igualmente polo doutor Castro Gago e destacadas co Premio Suárez Perdiguero que outorga a Sociedade de Pediatría de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.07.2016.