Unha tese presentada na EPS de Lugo analiza o crecemento das especies madeireiras comerciais da Amazonía peruana
Un traballo do investigador Juan Rommel Baluarte Vásquez analiza por primeira vez con criterios comerciais os recursos forestais do bosque aluvial inundable da Amazonía peruana. Este rexión do país suramericano, cunha extensión superior á da Península Ibérica, é especialmente fértil debido á achega de nutrientes que chegan a través das correntes fluviais andinas, as mesmas que provocan as inundacións. Malia a existencia dunha lexislación favorable a un aproveitamento sostible, na actualidade apenas existe información científica que contribúa a unha xestión adecuada para o mantemento dos bosques inundables en Perú. “En xeral, a xestión dos bosques no trópico está dirixida a favorecer a rexeneración natural, simplemente creando as condicións axeitadas para o establecemento das especies desexadas. Porén, no caso particular dos bosques aluviais inundables, os ritmos de inundación e seca son determinantes para a rexeneración natural e o efecto destes factores, que están fóra do control humano, foi pouco estudado ata agora”, explica Baluarte. Ademais da falta de coñecemento sobre este ecosistema, a excesiva extracción dos seus recursos e a conversión a usos agrícolas das zonas forestais ameazan seriamente a supervivencia deste delicado ecosistema ambiental. Modelos de crecemento O traballo de Juan Rommel Baluarte recóllese na súa tese de doutoramento, dirixida polos profesores Juan Gabriel Álvarez González e Carlos Antonio López Sánchez, e que o autor defende na Escola Politécnica Superior de Lugo o venres 25. O obxectivo principal desta investigación é “ contribuír a garantir unha xestión sostible dos bosques aluviais inundables da selva baixa peruana”, en palabras do propio Baluarte. Con ese obxectivo realizáronse estudos de campo desde o ano 1993 en varios tipos de bosque con diferentes períodos de inundación (de menos dun meses ata seis meses ao ano), a partir dos cales se elaboraron modelos de crecemento para as principais especies de interese comercial, o que permite unha estimación fiable do desenvolvemento de cada unha delas. Do mesmo xeito, estudáronse tamén os ritmos reprodutivos destas especies, co fin de planificar a súa rexeneración natural, considerando a incidencia dos cambios a través do tempo dos factores climáticos nos diferentes tipos de bosques analizados. O obxectivo final é ofrecer aos xestores destes bosques unha orientación para establecer o momento de corta óptimo, así como as pautas para unha xestión sostible dos bosques aluviais inundables.