Unha tese da USC aborda as relacións de xénero no marco da Sociedade da Información

A investigadora do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) e membro do GIS-T, Mariña Pose García, defendeu no Paraninfo da Universidade a súa tese de doutoramento titulada ‘Género y Nuevas Tecnologías de la Información y la Comunicación. Fundamentos teóricos y estudio de casos, que dirixiu o profesor Carlos Ferrás. O traballo presentado por Mariña Pose obtivo o doutoramento europeo e a cualificación de apto con proposta maioritaria a c um laude A investigación aborda as relacións de xénero no marco da Sociedade da Información así como as oportunidades que as Tecnoloxías da Información e a Comunicación ofrecen ás mulleres de cara á consecución dunha sociedade máis igualitaria. O traballo desenvolve un estudo de carácter triangular no que se combinan estratexias de investigación cuantitativas e cualitativas en sociedades que presentan unha afinidade histórico-xeográfica, como é o caso de Irlanda, Galicia e Portugal. Os resultados obtidos revelan diferenzas significativas entre as áreas xeográficas analizadas, así como a importancia do medio ambiente social ou ecosistema social no estudo da Sociedade da Información con perspectiva de xénero. A tese enmárcase no proxecto SINDUR, Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano Rexional, que comezou a súa andadura a finais do ano 2002 e que na actualidade está executando a súa terceira fase. SINDUR naceu no seo do Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio da Universidade de Santiago e recibiu fondos da Unión Europea, do Ministerio de Educación e Ciencia e de distintas Consellarías da Xunta de Galicia. O tribunal avaliador da investigación estivo formado por Patrick O´Flanagan, da University College Cork-Irlanda; Joana María Segui Pons, da Universitat de las Illes Balears; María Custodia Rocha, da Universidade do Minho-Portugal; Sharon Roseman, da Memorial University of Newfounland-Canadá; e María Luisa Otero López, da Universidade de Santiago de Compostela.