Ir o contido principal

Unha tese da USC constata as carencias de docentes e discentes no ensino da pronunciación do inglés

Yolanda Joy enquisou para o seu traballo un total de 1.170 estudantes de inglés e 254 docentes
Yolanda Joy enquisou para o seu traballo un total de 1.170 estudantes de inglés e 254 docentes
Yolanda Joy propón unha serie de actividades para ensinar a pronunciación dunha maneira integrada e atraente

A expresión oral do inglés, e máis particularmente a pronunciación, é o talón de Aquiles para o alumnado galego, unha dificultade debida sobre todo ás grandes diferenzas que hai entre os sistemas fonolóxicos das dúas linguas. Pero lonxe de se pór a atención neste aspecto á hora de ensinar este idioma, semella que continúa a ser infravalorado non só nas clases senón tamén nos libros de texto. Así o constata a filóloga Yolanda Joy Calvo Benzies na súa tese doutoral, dirixida polo profesor Ignacio Palacios e merecedora de sobresaliente cum laude con mención internacional.

Yolanda Joy enquisou para o seu traballo un total de 1.170 estudantes de inglés en Galicia e 254 docentes galegos e doutras comunidades autónomas. “Tanto uns coma outros coinciden en que o tempo dedicado ao ensino da pronunciación nas súas clases é claramente insuficiente; as actividades propostas non sempre lles axudan a mellorar e os seus libros de texto inclúen moi poucos exercicios de pronuncia, que xeralmente seguen un formato repetitivo e aburrido”, explica.

Efectivamente, tampouco os materiais educativos axudan a subsanar estas carencias lingüísticas. Na maior parte dos 30 libros de texto analizados na tese atopáronse exemplos de actividades co formato de escoita e repetición ou de discriminación entre sons ou oracións. “ Noutras palabras –­afirma con rotundidade a filóloga–,­ os libros de texto de inglés utilizados en España continúan ensinando a pronunciación dunha forma tradicional e pouco comunicativa”. “Conviría deseñar materiais que inclúan un maior número de actividades de pronunciación, que non aparezan en táboas illadas do resto dos compoñentes do libro e que vaian máis aló de simplemente escoitar e repetir a palabras illadas ou oracións curtas”, sinala.

Formatos máis atraentes
Neste senso, a investigación doutoral propón unas guías pedagóxicas que recollen actividades onde a énfase está tanto na percepción como na produción da lingua oral e nas que o formato é máis atractivo e motivador que os actuais. Adaptar as rúas de Monopoly con certos sons do inglés; crear preguntas sobre vogais, consoantes, variedades do inglés ou acentuación no Trivial; cambiar o nome das posibles armas utilizadas en Cluedo; ou crear pequenos canles de televisión ou radio exclusivamente nese idioma, por exemplo.

Para a doutora en Filoloxía Inglesa, é preciso que se comece a traballar nestes cambios canto antes. “Sabemos que a mellor idade para aprender un idioma é desde os 0 ata os 9 anos. Por iso é fundamental que os profesores de Educación Infantil e Primaria sexan os primeiros en poñer unha énfase especial no ensino da destreza oral e facer que os nenos e nenas se afagan a falar na lingua estranxeira, deixando de lado todo tipo de vergoña e medo”.

“É verdade que nos últimos anos se introduciron algúns cambios nas clases de inglés como lingua estranxeira que dalgunha maneira favorecen e facilitan o ensino da destreza oral dentro da aula, pero á vista dos resultados da miña tese parece que aínda hai un gran camiño por percorrer ata que se lle preste a atención que merece”, conclúe Yolanda Joy.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.02.2016.