Unha tese da USC pon de actualidade a figura do científico galego Antonio Casares

A través dun pormenorizado estudo biográfico da figura de Antonio Casares Rodríguez (Monforte de Lemos, 1812-Santiago de Compostela, 1888), a licenciada en Física e Historia María Luisa Losada Sanmartín revisa na súa tese aspectos esenciais da ciencia en España durante o século XIX así como a relación entre un experto en química e a sociedade á que se vincula.
A investigación ‘Antonio Casares: Ideología, ciencia y sociedad en la Universidad de Santiago en el s. XIX’ aborda o labor pioneiro de Casares no terreo da investigación e a divulgación da química así como o proceso de formación e consolidación como experto recoñecido dentro e fóra das nosas fronteiras. A variada documentación empregada incorpora ademais datos inéditos sobre Antonio Casares sobre, por exemplo, a súa implicación en política. “Os escasos escritos privados que puidemos localizar achegáronnos valiosos detalles acerca de cómo pensaba Casares”, explica Losada, que realizou o doutoramento en Historia da Ciencia.
O traballo engade tamén información sobre outros personaxes e científicos da súa época como Vicente Vázquez Queipo e Víctor López Seoane, podendo así estudar o contexto científico e social no que actuaron e as relacións que estableceron, así como o papel que estes factores xogaron tanto no ámbito persoal como profesional. “O feito de considerar as aventuras e desventuras doutros dous homes de ciencia paisanos e coetáneos e relacionados con Casares permite unha visión comparada en canto a traxectorias e expectativas, no contexto dunha sociedade en constante cambio e sometida a fortes tensións derivadas da crise económica e os sucesos políticos”, explica a autora.
A investigación comeza abordando a formación académica que recibiu Casares e os seus primeiros pasos no que máis tarde sería a súa profesión, a química analítica. Parello ao inicio da súa traxectoria estúdase tamén a dun paisano seu e profesor en Valladolid, Vicente Vázquez, cuxas particulares circunstancias levan a falar dun grupo de presión galego en Madrid naqueles anos.
E ntre Galicia e Francia
Casares chega a Compostela en 1836, cidade na que exerce como profesor ata 1850, ano no que viaxa a París e que, tras a transcendencia mediática da súa participación nas experiencias co cloroformo, supuxo a súa definitiva consagración como unha autoridade científica. Un ano máis tarde, de feito, faría partícipes aos habitantes de Compostela do misterio da luz eléctrica.
A faceta colaborativa de Casares ponse tamén de manifesto no traballo de María Luisa Losada, que destaca o moi coñecido caso dos experimentos da anestesia clorofórmica cun grupo de médicos da facultade de Medicina e a ata agora inédita relación con Víctor López Seoane, médico e naturalista coruñés necesitado da axuda de Casares en diferentes momentos da súa vida. Para a autora, destas experiencias constátase “a importancia dos camiños da información científica e o seu papel á hora de reforzar a lexitimidade do experto”.
María Luisa Losada Sanmartín