Testemuñas da Guerra Civil e a represión en Galicia participarán nun curso de verán en Sada
Testemuñas da Guerra Civil e a represión en Galicia participarán nun curso de verán organizado polo Proxecto de Investigación Interuniversitario ‘As vítimas, os nomes e as voces’ no Campus de Verán de Sada. As sesións celebraranse no Auditorio da Casa de Cultura do 14 ao 18 de xullo cunha carga lectiva de 32 horas e dirixidas polos profesores da USC Emilio F. Grandío, Mª Jesús Souto e Julio Prada.
Realizado coa colaboración da Xunta de Galicia, o curso inaugurarase cunha conferencia sobre o presente e futuro deste conflito bélico que impartirá o docente da Universidade de Pisa, Gabriele Ranzato. Sobre a conspiración e o triunfo do golpe en Galicia tratarase a mobilización social de 1936, a represión no eido educativo, o sindicalismo e o ataque á República.
No tocante ao proxecto ‘As vítimas, os nomes e as voces’, os investigadores mostrarán o fondo de imaxes sobre a cuestión e falarán sobre a importancia da memoria e a fonte escrita no estudo. A represión e réxime franquista analizarase en relación coa Universidade, as mulleres e o sistema penitenciario.