Ir o contido principal

O texto 'Rodiño 1947. Relato dun suceso real' gaña o XVI Premio Relato Curto de Alumni USC

Imaxe de arquivo do profesor Viaño
Imaxe de arquivo do profesor Viaño
Escrita polo catedrático de Matemática Aplicada e ex reitor Juan Viaño, trátase dun relato novelado dos feitos violentos acaecidos hai setenta e cinco anos na Carballeira de Rodiño
Santiago de Compostela

A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (Alumni USC) acaba de conceder por unanimidade o seu Premio de Relato Curto ao texto 'Rodiño 1947. Relato dun suceso real', do que é autor o catedrático en Matemática Aplicada e ex reitor Juan Viaño Rey. A obra premiada por Alumni, asociación que preside Agustín Pena, é un relato novelado dos feitos violentos acaecidos hai setenta e cinco anos na Carballeira de Rodiño (Sergude-Boqueixón), localidade onde reside o autor. O xurado encargado da valoración dos traballos presentadas integrábano os socios de Alumni Isabel Méndez Naya e David Formoso Vázquez, e o xornalista Ángel Seijo Rosende.

Como se recolle no ditame do xurado, o texto premiado presenta un sucesos históricos de violencia entre aldeas e parroquias veciñas, “como tantas que había en Galicia daquela e que foron en certo modo escondidas”. “Unha historia de carraxe ben relatada e coherente que desprende emoción e inclúe unha subtrama de amor” tal como subliña o xurado, quen tamén destaca a redacción e calidade do galego. O acto de entrega celebrarase en setembro na Facultade de Filosofía nunha sesión na que o premiado dará lectura ao texto gañador, tal como establecen as bases desta decimosexta convocatoria que patrocina La Rosaleda HM Hospitales.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.07.2022.