Unha titulada da Facultade de Psicoloxía da USC acada o número 1 no exame PIR deste ano
Un ano máis, os licenciados da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela obtiveron uns excelentes resultados no exame de acceso á formación sanitaria especializada en Psicoloxía Clínica (PIR). Deste xeito, a licenciada e doutora en Psicoloxía pola USC Olaia Carrera Guermeur obtivo o número 1 na presente convocatoria.
A pasada semana, o Ministerio de Sanidade e Consumo adxudicou as 107 prazas convocadas en 2008. A diferenza doutras especialidades sanitarias, a competencia no acceso ao PIR é moi elevada, existindo tan só unha praza por cada 15 aspirantes. Os titulados da USC conseguiron 17 destas (o 16% do total), dos que, ademais de Olaia Carrera, cinco aspirantes máis procedentes da USC se situaron nos 15 primeiros postos.
Indicador de calidadeNa USC licéncianse menos do 4% do total de psicólogos que anualmente saen das universidades españolas, polo que un 16% de éxito no exame PIR é un claro indicador da calidade da formación que ofrece a universidade compostelá.
Os resultados nesta convocatoria consolídanse ano tras ano. Nos cinco últimos anos o promedio foi do 16% das prazas, o cuádruplo do que, en termos estatísticos, lle correspondería polo número de licenciados. Igual ca este ano, a número un de 2006 saíu tamén das aulas de Santiago.
O sistema de formación PIR só ofrece 7 prazas en Galicia, as mesmas desde que, en 1993, se puxera en marcha este programa. Así pois, boa parte dos psicólogos galegos terán que especializarse noutras comunidades autónomas. Tamén o número de psicólogos clínicos facultativos no sistema sanitario de Galicia é escaso, a pesar de que os trastornos psicolóxicos se atopan entre os principais motivos de consulta en atención primaria. Segundo recentes informacións, o SERGAS receitou o pasado ano 3.5 millóns de ansiolíticos e antidepresivos.