Ir o contido principal

TodoCosmos organiza este luns no Obradoiro unha sesión de observación astronómica con telescopios

TodoCosmos
TodoCosmos

O proxecto de divulgación TodoCosmos organiza este luns 21 a partir das 23.00 horas na praza do Obradoiro unha sesión de observación astronómica na que as persoas que se acheguen poderán observar os planetas Marte e Saturno, así como o cúmulo estelar M13 e unha estrela dobre través dos telescopios instalados. Dous monitores do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC (OARMA) encargaranse de informar tanto das características dos obxectos a observar como doutras cuestións relacionadas coa Astronomía en xeral. TodoCosmos é un proxecto do OARMA que financia a FECYT e no que colaboran sete concellos galegos. A súa pretensión é achegar o mundo da astronomía a todos os recunchos, a través de iniciativas axeitadas ao conxunto da sociedade e a calquera segmento de idade. A xornada organizada para este luns terá continuidade o martes 22 cunha sesión de observación pública dende o Alto de San Marcos en Ames a partir das 22.30 horas e o mércores 23, dende as 22.00 horas, con outra dende o Miradoiro da Grela (Lampai, Teo). As actividades desprazaranse o xoves 24 á praza de Castelao de Rianxo, onde está prevista unha xornada de observación a partir das 23.00 horas, e o sábado 26 á parroquia de Araño. Ademais, o venres 25, o persoal o Observatorio levará a cabo a sesión programada da Cidade da Cultura de Galicia. TodoCosmos

O programa ‘A Astronomía ao alcance de todos. Colaboración Universidade, Concellos, Organismos Públicos e Empresas’ (TodoCosmos) é un conxunto de actividades financiadas pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) na que colaboran os concellos de Ames, Lalín, Rianxo, Ribadeo, Santiago, Sanxenxo e Teo, ademais da empresa Óptica Val. Entre as iniciativas a desenvolver nos distintos concellos implicados atópanse cursos, obradoiros de telescopios e de reloxos de sol, xornadas escolares, observacións telescópicas e a simple vista, así como visitas guiadas ao Observatorio da USC e aos de Lalín e Ribadeo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.07.2014.