Tomàs Baiget explicou en Lugo como publicar con impacto contidos científicos
O profesor da Universitat Pompeu Fabra e experto profesional en xestión de información, Tomàs Baiget, impartiu este luns 8 no Salón de Actos da Escola Politécnica Superior de Lugo, un seminario sobre como publicar con impacto e novas formas de publicación científica, organizado polas vicerreitoría de Coordinación do campus lugués, de Investigación e a adxunta en Investigación e Proxección, coa colaboración da Biblioteca Universitaria.
No seu relatorio, Tomàs Baiget achegou aos profesores e investigadores asistentes as boas prácticas a ter en conta na edición de revistas científicas, no que atinxe a difusión e impacto, e subliñou a importancia que ten este tipo de publicacións no marco do Espazo Europeo de Educación Superior e do de Investigación. Baiget incidiu tamén nos aspectos a ter en conta para que unha publicación científica cumpra cos estándares de calidade aceptados pola comunidade científica internacional e que sexa recollida nos índices de impacto e presentou as posibilidades existentes a día de hoxe para difundir e facer visibles os contidos científicos a través das novas ferramentas de comunicación.
Este experto en xestión de información impartirá o mesmo seminario en Santiago este martes 9 de 16:00 A 19:00 horas na Facultade de Matemáticas.
Tomàs Baiget Tomàs Baiget (Barcelona, 1944) foi pioneiro no acceso en liña ás bases de datos en Europa en 1973 traballando no Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial en Madrid (INTA) e conectando ás bases de datos NASA e outras aloxadas na Agencia Espacial Europea (ESA).
En 1992 fundou a revista El profesional de la información (EPI) á que lle seguiu a creación da lista de correo IweTel, un dos principais foros de discusión sobre bibliotecas, centros de documentación, bases de datos ou xestión da información. Nesta mesma liña, xa en 2008, puxo en marcha a lista Incyt (Indicadores de Ciencia y Tecnología) enfocada a difundir noticias e novidades en comunicación científica e socioloxía das ciencias.
É igualmente fundador do grupo de reflexión ThinkEPI (Estratexia e Prospectiva da Información), constituído por 45 dos mellores profesionais españoles, e do directorio de profesionais EXIT (Expertos no Tratamento da Información). Xunto a Subirats, Ferrer, Pese re Rodríguez-Gairín puxo en marcha IraLIS (International Registry of Authors, Links to Indentify Scientits), para axudar a estandarizar os nomes de autor, especialmente hispanos, nun formato internacional. De xeito paralelo dirixe o sistema de promoción de noticias DocuMenea e membro de diversos grupos e asociacións do sector.