Ir o contido principal

Tomàs Baiget impartirá a vindeira semana na USC un seminario sobre como publicar con impacto e novas formas de publicación científica

‘Como publicar con impacto e novas formas de publicación científica’. Este é o lema dun seminario dirixido ao Persoal Docente e Investigador que a vindeira semana se vai celebrar en Santiago e Lugo organizado polas vicerreitorías de Coordinación do Campus lugués e de Investigación e a adxunta en Investigación e Proxección, coa colaboración da Biblioteca Universitaria.
O profesor da Universitat Pompeu Fabra Tomàs Baiget, experto profesional en xestión de información de recoñecido prestixio nacional e internacional, será o responsable de impartir o seminario. Nel darase a coñecer aos profesores e investigadores as boas prácticas na edición de revistas científicas, no que atinxe a difusión e impacto, o vínculo que se pode establecer entre revistas e repositorios de acceso aberto, a xestión e publicación en Internet así como facer fincapé na importancia das revistas científicas no marco do Espazo Europeo de Educación Superior e do de Investigación.
O seminario está programado que se celebre no Campus de Lugo o luns 8 no edificio CACTUS entre as 10:30 e as 13:30 horas e, en Santiago, o martes 9 de 16:00 a 19:00 horas na Facultade de Matemáticas. Nas mesmas datas Baiget impartirá igualmente un curso ao persoal da Biblioteca Universitaria titulado 'O bibliotecario como asesor de investigadores', que ten como obxectivo incidir naqueles temas que o bibliotecario debe coñecer para prestar apoio os investigadores da súa institución.
Tomàs BaigetTomàs Baiget (Barcelona, 1944) foi pioneiro no acceso en liña ás bases de datos en Europa en 1973 traballando no Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial en Madrid (INTA) e conectando ás bases de datos NASA e outras aloxadas na Agencia Espacial Europea (ESA).
En 1992 fundou a revista El profesional de la información (EPI) á que lle seguiu a creación da lista de correo IweTel, un dos principais foros de discusión sobre bibliotecas, centros de documentación, bases de datos ou xestión da información. Nesta mesma liña, xa en 2008, puxo en marcha a lista Incyt (Indicadores de Ciencia y Tecnología) enfocada a difundir noticias e novidades en comunicación científica e socioloxía das ciencias.
É igualmente fundador do grupo de reflexión ThinkEPI (Estratexia e Prospectiva da Información), constituído por 45 dos mellores profesionais españoles, e do directorio de profesionais EXIT (Expertos no Tratamento da Información). Xunto a Subirats, Ferrer, Pese re Rodríguez-Gairín puxo en marcha IraLIS (International Registry of Authors, Links to Indentify Scientits), para axudar a estandarizar os nomes de autor, especialmente hispanos, nun formato internacional. De xeito paralelo dirixe o sistema de promoción de noticias DocuMenea e membro de diversos grupos e asociacións do sector.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.02.2010.