Ir o contido principal

Tomás Cuesta afronta o segundo mandato á fronte da dirección da EPS de Enxeñaría co reto de consolidar a súa oferta docente

O reitor, no centro, con membros do seu goberno e o novo equipo de dirección da EPS de Enxeñaría
O reitor, no centro, con membros do seu goberno e o novo equipo de dirección da EPS de Enxeñaría
O reitor da USC, Antonio López, anima ao centro lugués a visibilizar as potencialidades das enxeñarías para espertar un maior atractivo entre o estudantado preuniversitario

A consolidación, ampliación e potenciación da oferta docente da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, tanto no caso dos títulos de grao como de mestrado, constitúe o principal reto que debe afrontar o centro universitario lugués no futuro inmediato, segundo sinalou o profesor Tomás Cuesta García no acto de toma de posesión como director do centro, un cargo para o que resultou elixido para un segundo mandato.

O novo equipo de dirección da EPS de Enxeñaría da USC está formado polo profesor Xosé R. Fernández Vidal, que desenvolverá as funcións de subdirector de Calidade no centro; a profesora Rosa Romero Franco, que continúa un segundo mandato á fronte da Subdirección de Prácticas Externas e Orientación Laboral, e Alberte Castro, que tamén se mantén na Subdirección de Organización Académica. A profesora Dolores Fernández Rodríguez incorporase ao equipo de dirección do centro en calidade de secretaria académica.

O profesor Cuesta García aproveitou a celebración do acto protocolario de toma de posesión, unha sesión presidida no salón de actos da EPS de Enxeñaría polo reitor da USC, Antonio López, para agradecer o traballo que está a realizar toda a comunidade universitaria (docentes, PDI e PAS) a prol do bo funcionamento e da mellora da calidade do centro universitario lugués.

A captación de máis alumnado é outra dos cometidos prioritarios establecidos por Tomás Cuesta para este novo mandato como director da EPS de Enxeñaría da USC, unha escola e enxeñaría que vén de someterse ao proceso de acreditación europea EuroAce e cuxa calidade académica está acreditada polo bo posicionamento que ocupan os títulos de grao que ofrece nos diferentes ránkings nacionais, nos que os graos de Forestais, Enxeñaría Civil e Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria figuran entre as tres opción máis valoradas.

A certificación da acreditación do sistema interno de garantía de calidade coa que a Acsug vén de avalar o bo funcionamento da EPS de Enxeñaría, foi outro dos éxitos salientados por Cuesta na súa intervención, na que tamén situou a promoción do novo grao en Enxeñaría da Paisaxe e do futuro grao en Enxeñaría Robótica como tarefas coas que se debe volcarse a escola.

O reitor da USC trasladou na súa intervención o apoio e o ánimo da USC para que a EPS de Enxeñaría sexa capaz de converter a debilidade que supón as baixas estatísticas de alumnado nunha oportunidade para mellorar aínda máis a calidade da súa docencia e os resultados da investigación desenvolvida no centro, en particular, e no conxunto do Campus Terra da USC, nun senso máis amplo. López tamén remarcou a importancia de consolidar a oferta docente do centro, ao tempo que sinalou as mellores expectativas profesionais e salariais asociadas ás titulacións do ámbito das enxeñarías, e a continuidade de estudos de graduados e graduadas en programas de mestrado como oportunidades para captar estudantes propios e foráneos.

O acto académico de toma de posesión de Tomás Cuesta como director da EPS de Enxeñaría da USC congregou unha nutrida representación da comunidade universitaria, tanto do campus de Lugo como de Compostela. De feito, ademais da secretaria Xeral da USC, Dulce García Mella, o acto institucional tamén contou coa presenza das vicerreitoras de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; Titulacións, Victoria Otero; Oferta Académica, Celia Besteiro, así como o adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata. Os directores e decanos e decanas dos distintos centros universitarios do campus de Lugo, o vicexerente do campus de Lugo e Servizos, Delfín Pérez, directores de departamentos universitarios e unha nutrida representación de docentes tamén participaron no acto.

Participantes no acto de toma de posesión de Tomás Cuesta como director da EPS de Enxeñaría

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.10.2018.