Traballan na elaboración dun Código de dereito galego consolidado e en liña
A Universidade de Santiago colaborará co Parlamento de Galicia e a Xunta na elaboración dun Código de dereito galego consolidado e en liña, que se publicará en Internet e será de acceso gratuíto, segundo acordaron recentemente nun convenio as tres institucións e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. O Código de dereito galego abranguerá toda a normativa autonómica, desde o comezo da Autonomía ata a actualidade, dende as leis e decretos a normas de rango inferior que conteñan información relevante. O Código integrarase nun portal xurídico, tamén en elaboración, que conterá outra información de interese para o traballo diario dos profesionais do dereito, con enlaces a outras bases de datos e boletíns oficiais e con novas sobre a actividade lexislativa autonómica e estatal.