Un traballo realizado no Centro Nacional de Xenotipado da USC identificou unha rexión no cromosoma 2 asociada coa toxicidade derivada da radioterapia
Un traballo realizado no Centro Nacional de Xenotipado da USC que dirixe o profesor Ángel Carracedo identificou unha rexión no cromosoma 2 (que inclúe o xene TANC1) asociada coa toxicidade que experimentan os pacientes sometidos a radioterapia. Segundo isto, unha persoa portadora da variante de ADN identificada ten aproximadamente seis veces máis risco de desenvolver toxicidade que outra que non a porte. Os investigadores explican que o xene TANC1 está implicado na reparación das células musculares danadas, “o que suxire que o mecanismo biolóxico polo que TANC1 se asocia co desenvolvemento de toxicidade á radiación débese ao seu potencial papel na rexeneración do dano radioinducido no tecido muscular”, explican os investigadores. Os achados rexistrados inclúense no marco dunha nova liña de investigación, a radioxenómica, cuxo fin é a identificación dos xenes e as rutas implicadas na toxicidade producida pola radioterapia, así como marcadores xenéticos que poidan utilizarse clinicamente en modelos de predición de risco. O seu fin último é poder ofrecer pautas de radioterapia personalizada na que se optimice o tratamento do cancro. Así, a achega dos investigadores, publicada na revista Nature Genetics, constitúe un dos primeiros pasos na creación de modelos de predición baseados no perfil xenético do/a pacientes para personalizar o tratamento radioterápico, “ optimizando o control tumoral e minimizando o desenvolvemento de toxicidade”. En opinión dos autores e autoras do traballo, os modelos de predición permitirán estratificar as persoas enfermas en función do potencial de risco e establecer grupos de doentes que poderán tratarse cun protocolo específico adaptado ao seu perfil de risco. Na práctica, aqueles individuos con alto risco de desenvolver toxicidade poderían no futuro aspirar a unha “mellor resposta cunha radioterapia máis localizada ou con tratamentos que non inclúan a radiación, como son a cirurxía ou a quimioterapia”, opinan os investigadores. Para acadar os resultados agora publicados, o estudo inclúe unha primeira etapa exploratoria de 741 pacientes españois con cancro de próstata e outras dúas cohortes independentes de validación compostas por 633 pacientes de Reino Unido e 368 de Estados Unidos. O desenvolvemento do traballo, financiado polo Instituto de Saúde Carlos III e Fondos FEDER, dirixiuno Ana Vega Gliemmo, da Fundación Medicina Xenómica e investigadora do IDIS de Santiago, e ten como primeira asinante do artigo de Nature Genetics a Laura Fachal Vilar da Fundación Xenómica. No seu desenvolvemento colaborou ademais o Servizo de Oncoloxía Radioterápica do Hospital Clínico de Santiago.