Un traballo da EPS de Lugo, segundo nos premios nacionais do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos en Topografía
O traballo do alumno da Escola Politécnica Superior de Lugo Marcos Arza García recibiu o segundo premio dos galardóns anuais que outorga o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos en Topografía. O proxecto, denominado “Xeración do MDEs a partir de pares estereoscópicos do satélite IKONOS e control de calidade posicional” foi dirixido pola profesora do centro Mariluz Gil Docampo.
O valor engadido deste traballo radica en que os modelos dixitais de elevación adoitan realizarse con fotografías aéreas, mentres que neste caso as imaxes proceden do satélite de detección IKONOS. Ademais, para a realización do estudo leváronse a cabo análises contrastivas da información recibida moito máis rigorosas que as que se adoita empregar en investigacións deste tipo, o que garante uns resultados máis fiables e precisos, cuestión o que o xurado tivo en conta para a concesión desta distinción.
Marcos Arza realiza actualmente estudos na Enxeñería Técnica de Obras Públicas da EPS e segue vinculado á área de Enxeñería Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría do Departamento de Enxeñería Agroforestal, entre cuxas liñas de traballo está a de publicar a investigación premiada.
O acto de entrega do premio tivo lugar en Madrid a pasada fin de semana, coincidindo coa celebración da festividade de San Isidoro, patrón dos topógrafos.