Un traballo fin de grao en Comunicación Audiovisual, seleccionado no ‘London Fashion Film Festival’

A curtametraxe de moda galega Escarnio e Maldicir, dirixida polo valdeorrés Aitor Ramos Soto, foi seleccionada para participar na sección ofical do ‘London Fashion Film Festival’, un dos certames de curtas de moda máis importantes do mundo. Esta peza audiovisual realizada como traballo de fin de grao en Comunicación Audiovisual da USC, tamén foi candidata a mellor curta de imaxe real na pasada edición dos premios Mestre Mateo, seleccionada no festival de Curtas Armadiña, e estivo presente no certame audiovisual Xuventude Crea.
Escarnio e Maldicir viaxa agora ata a capital británica. Tras esta selección no festival, a curta pode optar a ser unha das tres nominadas e gañar na categoría a mellor fashion film feito por un estudante. O fashion film é unha pequena curta de moda que transmite a inspiración e as sensacións da pequena colección cápsula da deseñadora Olaya de los Palos. “A colección foi confeccionada por Olaya para unha das materias do Grao de Deseño da Escola de Arte Mestre Mateo e está inspirada principalmente no traxe tradicional galego”, explica o director da curta.
“Escarnio e Maldicir é un tributo á historia da muller galega. Consta de tres episodios emocionais: abandono e soidade; angustia e proceso de superación; e fortaleza e empoderamento feminino”, continua Ramos Soto. A curtametraxe conta coa voz over de Mela Casal acompañada polo son da pandeireta galega. “Mela interpreta unha pequena adaptación dun poemario que a propia deseñadora escribiu mentres elaboraba a súa colección”, afirma o cineasta.
Na actualidade, director e equipo atópanse inmersos na rodaxe dun novo proxecto relacionado coa temática de Escarnio e Maldicir. “Trátase dun videoclip musical para a artista galega Sheila Patricia. Esta nova obra audiovisual tamén é un tributo ás mulleres, neste caso ás mulleres labregas”, afirma Ramos Soto.