Ir o contido principal

O traballo do grupo NeurObesidad da USC relaciona o consumo de nicotina coa perda de masa corporal

O investigador Miguel López dirixe o labor do grupo NeurObesidad da USC
O investigador Miguel López dirixe o labor do grupo NeurObesidad da USC
É unha liña de investigación que abre novas vías contra a obsesidade

Nicotina, hipotálamo ou masa corporal son as variables dunha ecuación cuxo desenvolvemento parece ter atopado no traballo de investigadores composteláns unha nova resolución que relaciona o consumo de nicotina, a diminución da inxesta, o incremento do gasto enerxético e, consecuentemente, a perda de masa corporal. Pero, cómo se chega a estas conclusións?. Dende hai décadas, a regulación da inxesta e o peso corporal demostráronse levar a cabo no hipotálamo, unha área localizada na base do encéfalo. Nun paso máis alá, diferentes estudos concretaron que a modulación do que unha persoa inxire está mediada pola regulación dunha proteína localizada neste rexión, chamada AMPK (AMP-activated protein kinase). A importancia deste proteína, involucrada nos primeiros pasos da produción de lípidos, radica na súa sensibilidade a calquera variación nos niveis enerxéticos da célula e o organismo. Os investigadores do grupo NeurObesidad da USC, dirixido por Miguel López, acaban de subir un novo chanzo no coñecemento destes procesos. O seu traballo demostra que a nicotina inhibe a capacidade da proteína AMPK no hipotálamo provocando a diminución da inxesta e un incremento do gasto enerxético ao activar o tecido adiposo pardo. O resultado asociado a todo este proceso é unha perda de masa corporal. Este achado apoia o uso da AMPK como diana terapéutica contra a obesidade e o desenvolvemento de fármacos que actúen sobre esta encima e así poder controlar tanto a inxesta como o gasto enerxético. O traballo, parte da tese de doutoramento de Pablo B. Martínez de Morentin, é unha liña que o grupo NeurObesidad desenvolve dende hai catro anos e no que estudan a posible relación entre a nicotina e AMPK no hipotálamo.

O resultado xa ten chamado a atención da comunidade científica como evidencia que a revista Diabetes, unha das máis importantes do mundo no eido da endocrinoloxía e metabolismo, publica en liña un artigo sobre este avance (http://dx.doi.org/10.2337/db11-1079).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.03.2012.