Ir o contido principal

Un traballo do Oral Sciences Research Group, premio ao mellor póster de investigación na Reunión Anual da Sociedade Española de Periodoncia

A profesora Inmaculada Tomás co póster premiado
A profesora Inmaculada Tomás co póster premiado

O grupo Oral Sciences Research Group da USC acaba de recibir o premio ao mellor póster de investigación na 48ª Reunión Anual da Sociedade Española de Periodoncia que contou coa asistencia de máis de 2.000 profesionais do ámbito da odontoloxía. O traballo premiado levaba por título ‘ Análise do microbioma subxenxival de pacientes con periodontite crónica mediante pirosecuenciación do xene ARN ribosomal 16S’. O póster inclúese nun proxecto financiado polo Instituto Carlos III sobre o desenvolvemento dun modelo de sistema biolóxico a partir da análise das interaccións bacterianas e leucocitarias na enfermidade periodontal, cuxa investigadora principal é a coordinadora do grupo, a profesora Inmaculada Tomás. No proxecto colaboran ademais o profesor Juan Blanco, da Unidade de Periodoncia do Departamento de Estomatoloxía da USC; o grupo do doutor Alejandro Mira (Fundación FISABIO do Centro Superior de Investigación en Saúde Pública); e o grupo do profesor do Departamento de Periodoncia do Eastman Dental Institute (Universidade de Londres) Nikos Donos. Como se recolle no póster premiado, a pirosecuenciación do xene ARN Ribosomal 16S permitiu demostrar a diferente composición e maior diversidade do microbioma subxenxival na periodontite crónica. Os investigadores constatan non só a maior presenza e abundancia de xéneros e especies con recoñecida implicación etiopatoxénica, senón tamén a coexistencia doutros con papel descoñecido, como Filifactor alocis, así como a súa repercusión no resto do ecosistema bacteriano.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.06.2014.