TraffikGene avanza nas terapias de ARN mensaxeiro en inmunoterapia contra o cancro

TraffikGene é o proxecto da USC, liderado polo profesor Javier Montenegro, que se centra no desenvolvemento dunha tecnoloxía baseada en péptidos para crear vehículos que facilitan a entrega eficiente de ácidos nucleicos e ribonucleoproteínas con potencial aplicación terapéutica. O reitor Antonio López acompañou este luns 27 ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, na súa visita ao o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) para que coñecese de primeira man os detalles deste proxecto que recibe financiamento a cargo do programa Ignicia da Axencia Galega de Innovación. O proxecto foi seleccionado tamén polo programa EIC Transition do Consello Europeo de Investigación (ERC) e, polo tanto, é o primeiro en Galicia en recibir fondos desta convocatoria, unha das máis prestixiosas e competitivas no eido da transferencia de coñecemento.
"Os nosos vehículos están deseñados para levar estes ácidos nucleicos ao seu sitio de acción de maneira eficiente, non tóxica e selectiva, e así superar un dos principais retos no desenvolvemento de novos fármacos”, explicou o profesor Montenegro. Trátase dunha tecnoloxía versátil que pode adaptarse a todo tipo de ácidos nucleicos, como o ARN mensaxeiro (ARNm), o ARN interferente (ARNi) ou mesmo para levar a cabo tarefas de edición xenética con ribonucleoproteínas a través do sistema CRISPR/Cas. Os vehículos para fármacos de ARN desenvolvidos por TraffikGene teñen carácter biodegradable e presentan, por tanto, moi baixa toxicidade. A simplicidade sintética, a sinxeleza na formulación co ARN e unha elevada eficiencia de entrega do ARN fan que esta tecnoloxía sexa moi atractiva para a súa aplicación terapéutica.
O proxecto Traffikgene xa posibilitou a contratación de 20 novos profesionais para avanzar na comercialización de novas plataformas tecnolóxicas a aplicar en terapias xénicas. Ademais, Montenegro tamén recibiu o apoio do programa Oportunius para liderar un dos proxectos financiados na convocatoria Starting Grant 2015 do Consello Europeo de Investigación e, posteriormente, a axuda Proof of Concept tamén do ERC como continuación do mesmo proxecto, entre outros recoñecementos e axudas.
