Ir o contido principal

A transformación do ser humano, eixo da mostra ‘Dentro do tempo’ de Alfonso Costa

Obras de gran formato, intensos cromatismos, xeometría e figuración variables, así como unha sobriedade contida, son algúns dos trazos deste proxecto expositivo. FOTO: Santi Alvite
Obras de gran formato, intensos cromatismos, xeometría e figuración variables, así como unha sobriedade contida, son algúns dos trazos deste proxecto expositivo. FOTO: Santi Alvite
Este proxecto expositivo manterase aberto ata o 29 de agosto, de luns a sábado, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas, na sala de exposicións do Colexio de Fonseca
Santiago de Compostela

O pintor noiés Alfonso Costa propón unha reflexión profunda sobre o proceso creativo e a condición humana a través dos seus traballos dos últimos anos. Partindo do impacto causado polo desastre de Fukushima en 2011, cada un dos lenzos que integran a mostra ‘Dentro do tempo’ convértense nunha metáfora pictórica sobre a transformación que o ser humano foi sufrindo a medida que a sociedade e a tecnoloxía avanzaron. A exposición inaugurouse este xoves no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. O acto estivo presidido polo reitor Antonio López, e, no mesmo, alén do propio artista, tomaron parte o alcalde de Noia, José Santiago Freire Abeijón; e Juan Manuel Monterroso Montero, coordinador do Máster Interuniversitario en Xestión do Patrimonio Artístico e Arquitectónico, Museos e Mercado da Arte, cuxo alumnado é o responsable do comisariado da mostra.

Alfonso Costa, nun discurso literario e emotivo, dedicado á súa compañeira, a escritora e xornalista Eva Veiga, cargado de referencias históricas e artísticas, recordou o seu paso pola sala de exposicións do Colexio de Fonseca que acolle a mostra, hai xa dez anos, e agradeceu tanto á Universidade, coma ao reitor e á vicerreitora de Igualdade Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, a oportunidade de facer esta mostra que “me produce unha enorme ledicia e que é para nin un verdadeiro orgullo”. Pola súa parte, o reitor valorou moi positivamente o traballo do artista, da Vicerreitoría e dos estudantes que se encargaron do comisariado da mostra, “un traballo que é realmente unha forma de transferencia de coñecemento”, afirmou.

Neste senso, as alumnas Corina Rodríguez e Sara Abal agradeceron a oportunidade de desenvolver este traballo de comisariado que foi para todo o alumnado unha magnífica experiencia que contribúe á mellora da docencia neste máster integrado por doce alumnas e dous alumnos. Nesta liña, Juan Manuel Monterroso Montero afirmou que esta práctica é un inicio de outras que deben continuar de tal maneira que a aportación da Universidade se vexa incrementada coa participación dos estudantes. O alcalde de Noia mostrou tamén a súa satisfacción por albergar no seu Concello a un autor da categoría de Alfonso Costa, “un referente do mundo artístico a nivel do Estado español”.

Volta ao esencial

Costa tamén incita a concibir, a través de toda unha serie de obras nas que “a luz e as sombras manteñen unha intensa tensión interna, a volta ao esencial como o camiño que permita atopar eses rastros de humanidade perdidos”, explica o artista. Obras de gran formato, intensos cromatismos, xeometría e figuración variables, así como unha sobriedade contida, son algúns dos trazos deste proxecto expositivo que se manterá aberto ata o 29 de agosto, de luns a sábado, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas, na sala de exposicións do Colexio de Fonseca.

 

De esquerda a dereita, Alfonso Costa, José Santiago Freire, Antonio López, Mar Lorenzo e Juan Manuel Monterroso. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Alfonso Costa, José Santiago Freire, Antonio López, Mar Lorenzo e Juan Manuel Monterroso. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.07.2020.