Ir o contido principal

O tratamento da infancia e da escola no cine será o tema central dun curso de verán en Foz

UNIVERSIDADE DE VERÁN DA USC

A Universidade de Santiago impartirá a partir do 20 de xullo o curso de verán titulado Infancia e escola na Historia do Cine, co fin de reflexionar sobre como foi reflectida a infancia e a escola no cinema durante a primeira metade do século XX.
Así, ao longo de 32 horas lectivas, analizarase o tratamento das imaxes dos nenos e nenas aprendendo en situacións moi diferentes ás do século XXI e como esas imaxes foron construíndo unha cultura da infancia nova entre os adultos.
Achegaranse cuestións como se a idea que existe hoxe da infancia e da escola nese período está condicionada pola memoria cinematográfica que deixaron os filmes e documentais fílmicos daqueles anos. O curso, dirixido por Eugenio Otero Urtaza, tenta ofrecer tres olladas que afondan nese ámbito: os primeiros documentais escolares, modelos de infancia da primeira metade do século XX no cine, e a visión dos nenos instruíndose e vivindo no contexto da Guerra Civil española e da posguerra.
A taxa xeral de matrícula para asistir a estas sesións que se desenvolverán na Casa da Cultura do Concello de Foz ata o 24 de xullo é de 120 euros. Existe un prezo reducido, de 70 euros, para estudantes universitarios, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC. O prazo para a inscrición, tanto a través internet como por vía presencial (ata o 10 de xullo), xa está aberto.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.06.2009.