Ir o contido principal

O tratamento xurídico de conflitos relacionados coa saúde, a estudo no Campus de Lugo

UNIVERSIDADE DE VERÁN DA USC

A Universidade de Santiago celebrará do 21 ao 24 de setembro no Colexio de Avogados de Lugo o curso Dereito e saúde: solucións xurídicas ante situacións conflitivas relacionadas coa saúde das persoas. Ao longo de 32 horas lectivas, o obxectivo será constituír un foro de análise e de debate sobre algunhas das cuestións xurídicas máis polémicas e actuais.
Así, trataranse temas relacionados co exercicio dos dereitos á vida, a intimidade ou a saúde nos ámbitos sanitario, alimentario, medioambiental, laboral e familiar, como os dereitos e deberes do persoal sanitario e dos usuarios do sistema da saúde, xenética e dereito, seguridade alimentaria, laboral e medioambiental.
Os debates efectuaranse desde unha perspectiva plural e multidisciplinar, alternándose as exposicións teórico-prácticas co comentario de casos reais e das solucións legais e xurisprudenciais dadas aos mesmos.
Complementariamente, neste curso dirixido por Lotario Vilaboy Lois, desenvolveranse diversas actividades de carácter práctico como a simulación da práctica de probas periciais en materia de fraudes alimentarias e de investigación da paternidade, ou a exposición das técnicas de traballo de determinados laboratorios especializados en Xenética e ADN, e en Hixiene, Inspección e Control de Alimentos.
A taxa xeral de matrícula para este curso é de 120 euros. Existe un prezo reducido, de 70 euros, para estudantes universitarios, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC. O prazo para a inscrición, tanto a través internet como por vía presencial (ata o 11 de setembro), xa está aberto.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.07.2009.