Triacastela lembra os xeitos de vida na montaña luguesa durante a Idade de xeo
Especialistas de primeira orde no Paleolítico galego presentarán en Triacastela os estudos máis recentes sobre os xeitos de vida na montaña luguesa durante a Idade de xeo. Será no curso que se desenvolverá dende o 1 ao 3 de setembro no colexio público da vila baixo a dirección do catedrático de Prehistoria da USC Ramón Fábregas. Este seminario inclúe máis dunha ducia de relatorios nos que os expertos afondarán en temas como o estado ou a evolución da paisaxe e da fauna das serras orientais galegas dende o Paleolítico así como nos hábitos e costumes dos diferentes asentamentos humanos que nelas se instalaron. O programa de actividades complétase con visitas a algún dos principais xacementos da zona, como os da Depresión de Monforte ou a Cova de Eirós, que permitirán aos asistentes unha toma de contacto directa co pasado do lugar. Cunha carga lectiva de vintecatro horas, estas xornadas contan coa colaboración do Concello de Triacastela e da Deputación Provincial de Lugo.
Toda a información sobre este o curso de verán ‘A vida na montaña luguesa na Idade de xeo’ atópase na páxina www.usc.es/cultura/uveran38_10.htm.