Ir o contido principal

Triángulo de Amor Bizarro presenta este xoves ‘Salve Discordia’ no Círculo das Artes de Lugo no Lubicán 2016

Compoñentes de Triángulo de Amor Bizarro
Compoñentes de Triángulo de Amor Bizarro
O concerto comezará ás 21.00 horas e a entrada é libre e de balde ata completar aforo

O grupo galego ‘Triángulo de Amor Bizarro’ presentará este xoves, a partir das 21.00 horas, no Círculo das Artes de Lugo, o seu último traballo ,‘Salve discordia’, no segundo concerto do Lubicán 2016, un ciclo de música de raíz galega promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Deputación Provincial e Concello de Lugo.

Pasados máis de dez anos do nacemento desta formación galega e logo deste traballo, pouco lle falta pr demostrar a Triángulo de Amor Bizarro. Xa non poden saír en máis listas de Lo Mejor, nin recibir mellores premios polos seus discos,nin mellores críticas, nin ninguén poderá dicir que non teñen un directo incríbel. Non se pode negar que son referencias para outros artistas contemporáneos, aí están as influencias e as declaracións de tantos músicos. Triángulo xa deixou atrás o hype e o difícil terceiro disco, fixeron cancións que sobrevivirán xeracións. E agora? Xulga por ti mesmo. O grupo consolida a formación de Victoria mística (Rodrigo, Isa, Rafa, Zippo) e entrega a colección de cancións que menos se axustan ao estilo que os define. Nunca tocaran tan rápido, tampouco tan amodo. Aquí vai outro puñado de honestidade que leva a súa música un pouco máis alá, dende o desenfreo rítmico cargado de fuzz ata as melodías máis doces e fantasiosas con eses personalísimos textos cheos de referencias. Ademais, o disco ‘Salve discordia’ foi reproducido por Carlos Hernández, que volve traballar con Triángulo de Amor Bizarro tralos excelentes resultados que obtivo co seu debut. A portada é do artista turco Haydiroket. O concerto de presentación de ‘Salve discordia’, o segundo dos programados no Lubicán 2016 será de entrada libre e de balde para todas as persoas interesadas, do mesmo xeito que todas as actividades promovidas ao abeiro do convenio Lugo Cultural.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.03.2016.