Trinta anos de vida co VIH, unha reflexión na USC

Coincidindo coa celebración do Día Mundial da Loita contra a Sida, a Universidade de Santiago organiza este mércores 4 unha xornada de reflexión profunda acerca dos 30 anos de vida do VIH, avaliando tanto a vertente científica coma o seu impacto social. Será a Igrexa de Mazarelos o lugar no que a partir das 18.00 horas o médico do CHUS Antonio Antela, coordinador da Unidade de Enfermidades Infecciosas e profesor da USC, pronuncie a conferencia ‘A infección por VIH en 2013: fitos conseguidos e desafíos pendentes’. A partir desta intervención comezará un debate no que, moderado polo vicerreitor Francisco Durán, participarán a presidenta do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, Sofía Riveiro; o responsable de Lazos Compostela, Javier Rocamora; o psicólogo Manuel Alonso; a responsable de Aleas-EU, Noel Dopazo; a traballadora dun centro Quérote + Noa Tilve Cabada; e o coordinador de 7 Cores Compostela-PSdeG, Gonzalo Diz. O broche final porao o Espazo de Danza da USC cunha performance realizada ex profeso para a ocasión.