Ir o contido principal

Unha trintena de proxectos empresariais concorren á cuarta edición dos Premios Innovatia 8.3

Unha trintena de proxectos empresariais concorren á cuarta edición dos Premios Innovatia 8.3
Unha trintena de proxectos empresariais concorren á cuarta edición dos Premios Innovatia 8.3
O certame, promovido pola USC e o Instituto das Mulleres, distingue as empresas creadas co apoio das universidades ou organismos públicos de investigación (OPIs) e lideradas por mulleres

A cuarta edición dos Premios Innovatia 8.3 celebrará o vindeiro 11 de outubro o acto de entrega de galardóns aos mellores proxectos empresariais liderados por mulleres e creados ao abeiro das universidades ou organismos públicos de investigación. Unha trintena de proxectos concorren este ano nas dúas categorías existentes. Así, o premio ao mellor proxecto empresarial de base Tecnolóxica, dotado con 10.000 euros, recibiu 16 candidaturas e 17 son as propostas que se disputan o galardón na modalidade do proxecto empresarial Startup, dotado con de 7.000 euros.

O certame, promovido polo Instituto das Mulleres e a Universidade de Santiago de Compostela, pretende apoiar proxectos de emprendedoras con carácter innovador, ademais de promover a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no ámbito universitario e tecnolóxico.

O Salón Nobre do Colexio de Fonseca acollerá a partir das 9.30 horas o acto de entrega de premios, que será conducido por Eva López Barrio, coordinadora de Innovatia 8.3, e que abrirá coas intervencións de Antonio López Díaz, reitor da USC; María Antonia Morillas González, directora do Instituto das Mulleres e Isabel Jiménez Lucena, Coordinadora de Políticas de Xénero do grupo de Sostenibilidade da CRUE, e vicerreitora de Igualdade, Diversidade e Acción Social da Universidade de Málaga.

O evento contará con dúas mesas redondas nas que participarán destacadas referentes do ámbito científico e do emprendemento. A primeira delas, moderada por Luis Otero González,  delegado del Rector para la Transferencia del Conocimiento, versará sobre 'Emprendemento Universitario de Base Científica' e reunirá a Carmen Pampín Casal, directora executiva de Galchimia; Catalina Fernández de Ana Portela, co-fundadora e directora de Hifas da Terra; Maruxa Quiroga García, directora executiva e co-fundadora de Tastelab; Desireé Teijeiro Osorio, directora de operacións e co-fundadora de Libera Bio e Marta Lores Aguín, socia e directora científica de i-Grape.

O seu remate dará paso á mesa 'Emprendemento universitario e economía feminista', moderado pola delegada do reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro, e coas intervencións de  María del Pilar Rodríguez Suárez, investigadora e xerente de Dehistoria; Miriam Fernández Barreiros, presidenta de Latento Altas Capacidades; Yolanda Pena Boquete, xefa de departamento e da división de investigación de AYeconomics; e Fátima Rodríguez Figueiras, administradora solidaria de Promove Consultoría e Formación.

A conferencia de clausura correrá a cargo de Carmen Fenoll Comes, presidenta da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas , e o acto concluirá coa presentación de Innovatia como iniciativa elixida para representar a España nos Premios Europeos á promoción empresarial de 2022.

Para asistir presencialmente ao evento é preciso cumprimentar o formulario de inscrición habilitado pola organización antes do 7 de outubro. O acto tamén se retransmitirá en liña a través da canle de YouTube de Innovatia 8.3.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.09.2022.