Ir o contido principal

O Trío Cassadó volve este martes ao Paraninfo co ciclo ‘Tríos de Beethoven’

O Trío Cassadó volve este martes ao Paraninfo co ciclo ‘Tríos de Beethoven’
O Trío Cassadó volve este martes ao Paraninfo co ciclo ‘Tríos de Beethoven’

A Universidade de Santiago continúa esta semana co programa de música clásica dedicado aos tríos de Beethoven que comezou o novembro pasado e cuxos concertos corren a cargo do Trío Cassadó. O segundo dos recitais do ciclo, con obras de Beethoven e Shostakovich, será este martes 13 ás 20.00 horas no Paraninfo da Universidade O Trío Cassadó O Trío Cassadó intégrano Yulia Petrushevskaya (violín), Thomas Piel (violonchelo) e Javier Vila (piano). O seu repertorio incorpora, ademais de autores do clasicismo, romanticismo e nacionalismo, obras do século XX e XXI que mostran o compromiso desta formación coa música contemporánea, realizando estreas ou reestreas de autores vivos xa consagrados. Yulia Petrushevskaya (Kishinev, Moldavia) conta cunha extensa e recoñecida carreira musical no seu país de orixe, que logo continuou en Rusia e Alemaña. Desde 1999 é violinista da Real Filharmonía de Galicia e participa como profesora de violín e música de cámara na escola de Altos Estudos Musicais. O violoncellista Thomas Piel (Colonia, Alemaña) comezou os estudos no conservatorio da súa cidade natal e continuou formación na Folkwang-Musikhochschule de Essen e en Francia. Cofundador do Ensemble eMeX especializado en música contemporánea, foi tamén primeiro violonchelo solista da Westphaelische Kammerphilharmonie Guetersloh. Dende 2001 pertence á Real Filharmonía de Galicia onde forma parte de varios grupos de cámara. Ademais, ensina violonchelo na Escola de Música Berenguela e colabora coa Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia. Pola súa banda, Javier Vila recibiu dende moi novo numerosos premios ao seu talento como pianista. Formado en Galicia, na actualidade é profesor de piano e coordinador do departamento de tecla no Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía de Arousa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.01.2015.