O trío coruñés Puntada sen fío presente este xoves na Casa do Saber ‘A lúa prendeu a luz’ no marco do ciclo Lubicán

O grupo coruñés Puntada sen fío, formado por Xiana lastra (voz), Juan Collazo (percusión) e Roberto Rama (saxo, gaita e frautas), presentaá este xoves,a partir das 20.30 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, o seu primeiro traballo discográfico, ‘A lúa prendeu a luz’, un álbum que inclúe nove temas moi diferentes entre si, pero co pasado como nexo común.
Puntada sen fío é o resultado da unión de tres artistas e amigos dentro e fóra do escenario que, logo de formar parte de diferentes formacións musicais, acordan conformarse como un grupo en formato pequeno para así trasladar facilmente ao público un repertorio baseado na música tradicional, no folclore e no legado dos poetas e poetisas máis importantes de Galicia. A estes elementos, Puntada sen fío achega unha visión e unha sonoridade orixinal, creada en gran medida polos instrumentos empregados sobre o escenario. O primeiro traballo de Puntada sen fío, ‘A lúa prendeu a luz’ achega ao público cantigas baseadas na música tradicional galega, pero tamén de autor ou mesmo algunha de fóra de Galicia traducida á nosa lingua. Todas as composicións incluídas nese traballo estan tratadas cunha sonoridade totalmente diferente á habitual, grazas en grande parte aos instrumentos que utilizan pero, tamén, á man dos grandes músicos Pedro Lamas e Roberto Somoza, que se encargaron dos arranxos. O concerto de presentación de Puntada sen fío ante o público lugués é o penúltimo dos programados no Lubicán 2015, un ciclo promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que conta con financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial, e orientado a dar visibilidade á musica galega e aos novos músicos e formacións musicais xurdidas en Galicia. A entrada para este concerto, do mesmo xeito que todas as actividades organizadas no marco do convenio Lugo Cultural, será libre e de balde para todas as persoas interesadas ata completar o aforo do auditorio da Casa do Saber de Lugo, que dispón de arredor dun centenar de butacas.